Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Sandra Moraña Fernández

A canteira do CiMUS da USC suma hoxe unha nova investigadora. Sandra Moraña Fernández defendeu a súa tese doutoral “Regulación da homeostase enerxética e do metabolismo cardiomiocitario" por parte de fármacos empregados en medicina cardiovascular”, avaliada por un tribunal integrado pola catedrática da Universidade Complutense de Madrid, Eva Delpón Mosquera; o profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel García Alonso; e o investigador de Vila Velha University (UVV), Thiago de Melo Costa Pereira.

Atendendo ao feito de que os factores de risco cardiovascular como a obesidade, a diabetes tipo 2, a hipertensión arterial ou a dislipemia son cruciais no desenvolvemento da insuficiencia cardíaca, considerada actualmente unha pandemia a nivel global, nesta tese doutoral avaliáronse os efectos cardiometabólicos de dous medicamentos que destacaron nos últimos anos en endocrinoloxía e medicina cardiovascular: a empagliflozina, un antidiabético oral, e o sacubitril/valsartán, empregado no tratamento da insuficiencia cardíaca.

“Este traballo centrouse no estudo da regulación do metabolismo enerxético a nivel cardíaco e adiposo por parte destes dous medicamentos in vitro e in vivo, concretamente nun modelo animal de diabetes e obesidade tratado con empagliflozina e nun modelo animal de insuficiencia cardíaca con fracción de eyección preservada tratado con sacubitril/valsartán”, comenta a nova doutora CiMUS.

 

Principais conclusións

Os resultados do estudo, que estivo supervisado por María Francisco Lago Paz, José Ramón González Juanatey e Manuel Campos Toimil, permitiron concluír que a empagliflozina presenta efectos antiinflamatorios, antifibróticos e é capaz de regular os procesos lipolíticos no tecido adiposo nun modelo animal de obesidade e diabetes mellitus tipo 2, as ratas Zucker diabéticas e obesas (ZDF). Ademais, a empagliflozina demostrou a súa capacidade para modificar de forma diferente o lipidoma do tecido adiposo visceral e subcutáneo deste modelo animal, o que suxire que ambos os depósitos presentan diferenzas no seu metabolismo. Por outra banda, non se observaron efectos sobre o metabolismo cardiomiocitario in vitro tras o tratamento con 10 e 20 μM de sacubitril/valsartán. 

Por último, o tratamento con sacubitril/valsartán dun modelo preclínico de insuficiencia cardíaco con fracción de eyección preservada, as ratas Zucker obesas e espontaneamente hipertensas (ZSF1), ademais de mellorar a tolerancia ao exercicio, a disfunción diastólica e a hipertrofia e fibroses cardíacas, foi capaz de reducir o peso do fígado e a esteatosis hepática, e modificou parámetros bioquímicos séricos como o colesterol total e o sodio. 

O sacubitril/valsartán tamén modificou o metaboloma do ventrículo esquerdo das ratas ZSF1, reducindo principalmente a acumulación de glicerofosfolípidos, cuxa acumulación no tecido cardíaco parece estar asociada á disfunción diastólica.

A investigadora contou cunha axuda de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia e formou parte da selección de mozos investigadores que se inician no labor investigador dentro do programa científico deste Centro Singular e realizou dúas estancias de investigación no Departamento de Cirurxía e Fisioloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Porto nos anos 2022 e 2023.