As teses do CiMUS: Sara Gutiérrez Gutiérrez

O CiMUS da USC sumou hoxe unha nova doutora a súa cantera de investigadores. Trátase de Sara Gutiérrez Gutiérrez, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Polifosfacenos para a administración de RNA en inmunoterapia do cancro cerebral”.
Esta investigación presenta un importante impacto social ao contribuír ao desenvolvemento de terapias máis seguras e eficaces fronte aos tumores cerebrais, unha das enfermidades con maior mortalidade e carga emocional para pacientes e familias.
A mellora na administración de terapias baseadas en ARN abre a porta a tratamentos máis precisos, con menos efectos secundarios e unha mellor calidade de vida. Así mesmo, o emprego de polímeros biodegradables e versátiles favorece avances sostibles en biomedicina. A longo prazo, estes desenvolvementos poderían contribuír a reducir os custos sanitarios e aumentar o acceso a tratamentos oncolóxicos innovadores.
Nova estratexia con ARN mellora a inmunoterapia en tumores cerebrais
As terapias baseadas en ARN consolídanse como unha estratexia prometedora na inmunoterapia contra o cancro, especialmente en tumores cerebrais de baixa inmunoxenicidade como o glioblastoma, ao permitir modular selectivamente a resposta inmunitaria mediante a activación ou o silenciamiento de xenes específicos. Non obstante, a súa aplicación clínica segue limitada pola súa baixa estabilidade e polas súas propiedades farmacocinéticas.
Para superar estes desafíos, esta tese desenvolveu complexos polielectrolíticos (PECs) baseados en poliorganofosfazenos (PPZs), polímeros sintéticos biodegradables e versátiles, deseñados como sistemas de administración de ARN. O estudo avaliou a súa capacidade para transportar secuencias de siRNA e mRNA a distintas poboacións celulares do contorno tumoral, co obxectivo de potenciar novas estratexias inmunoterapéuticas fronte a tumores cerebrais.
O traballo, dirixido polos investigadores principais do Centro Singular Marcos García e Noemí Csaba, foi avaliado por un tribunal integrado por María Blanco Prieto (Universidade de Navarra), Pablo Hervella Lorenzo (IDIS) e Ian Teasdale (Johannes Kepler University Linz). A investigación desenvolveuse no marco do consorcio internacional EuroNanoMed e contou coa colaboración de cinco grupos internacionais, destacando a participación do equipo liderado por Yolanda Prezado, do CiMUS.
Os resultados reforzan liñas de investigación previamente consolidadas e introducen un enfoque innovador e integrador no uso de nanobiomateriais para a administración de ARN. Como parte deste traballo, publicouse un artigo de revisión en Journal of Functional Biomaterials (Q1 en Engineering and Biomedicine), e o consorcio prepara actualmente tres novas publicacións derivadas desta investigación, consolidando o seu impacto no desenvolvemento de nanoterapias avanzadas contra o cancro.
