Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Sara Martínez Martínez

O CiMUS da USC incorporou hoxe unha nova doutora ao seu cadro de investigadores. Trátase de Sara Martínez Martínez, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Papel de mTOR nos tanicitos: implicacións no balance enerxético e no envellecemento”.

Esta investigación achega novos coñecementos sobre os mecanismos moleculares que regulan o metabolismo enerxético e a súa relación co envellecemento, poñendo o foco nos tanicitos, un tipo de células especializadas do hipotálamo implicadas no control do peso corporal e na homeostase enerxética.

No marco do traballo, analizouse o papel da vía mTOR nestas células, observándose que a súa desregulación inflúe significativamente no aumento de peso e na composición corporal de animais alimentados tanto con dieta estándar como con dieta rica en graxas. Ademais, os resultados revelaron que, en ratos envellecidos, a inhibición do complexo mTORC1 nos tanicitos incrementa comportamentos relacionados coa ansiedade, o que suxire unha posible conexión entre metabolismo, envellecemento e saúde mental.

A tese, dirixida polos investigadores principais do CiMUS Rubén Nogueiras e Carlos Diéguez, foi avaliada por un tribunal composto por Miguel Antonio López Pérez, da USC; Mónica Imbernón Piedra, da Queen Mary University of London; e Natalia da Silva Lima, do CICA da Universidade da Coruña.

Durante a súa etapa predoutoral, Sara Martínez contou cun contrato FPU do Ministerio de Universidades, así como cunha axuda complementaria FPU que lle permitiu realizar unha estancia internacional en 2023 no centro Lille Neuroscience and Cognition (Inserm), no grupo liderado por Vincent Prevot.