Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Sara Troitiño Cora

A canteira do CiMUS da USC suma unha nova investigadora. Trátase de Sara Troitiño Cora, quen presentou con éxito a súa tese de doutoramento titulada “O receptor plaquetario de coláxeno GPVI como diana terapéutica e marcador de risco aterotrombótico na obesidade”. O traballo, dirixido polo investigador principal do Centro, Ángel García, foi avaliado por un tribunal composto por Mª Dolores Viña Castelao, do CiMUS; Neil V. Morgan, da Universidade de Birmingham, e Constantino Martínez Gómez, do IMIB Pascual Parrilla – Centro Rexional de Hemodoazón de Murcia.

Esta tese contribúe a unha mellor comprensión dos mecanismos que vinculan a obesidade, a hiperreactividade plaquetaria e o risco aterotrombótico, ao tempo que identifica novas oportunidades para a prevención e para o desenvolvemento de estratexias antitrombóticas máis eficaces.

A obesidade severa está amplamente asociada con alteracións na inflamación sistémica e na función plaquetaria. Neste contexto, o receptor de coláxeno plaquetario GPVI, cuxa expresión e sinalización están aumentadas na obesidade, foi proposto como biomarcador de risco aterotrombótico e como unha prometedora diana terapéutica nestes pacientes.

A investigación explora a relación entre as alteracións en GPVI e os eventos aterotrombóticos na obesidade, e estuda o impacto da perda de peso derivada da cirurxía bariátrica sobre o fenotipo proinflamatorio e protrombótico destes pacientes.

Ademais, identifica novos inhibidores de GPVI con potencial para converterse en novos fármacos antiplaquetarios. Nun último capítulo, a tese afonda no papel de PEAR1 na agregación plaquetaria inducida por iota-carraxenina e na súa organización a nanoescala na membrana das células en repouso.

O traballo dá continuidade a unha liña xa consolidada no grupo, que estuda o papel das plaquetas na obesidade e nos eventos aterotrombóticos. A tese inclúe colaboracións co grupo BioFarma deste Centro Singular no capítulo dedicado á identificación de novos inhibidores para o receptor GPVI.

Para a realización desta investigación, a nova doutora do CiMUS foi beneficiaria dunha axuda predoutoral da Xunta de Galicia e realizou unha estadía de tres meses no laboratorio do profesor Steve Watson na Universidade de Birmingham.