As teses do CiMUS: Uxía Fernández Paz
A nova doutora Uxía Fernández Paz xa forma parte da canteira de investigadores CiMUS. Faino tras presentar hoxe con éxito a súa tese "Papel da nedilación de PCK1 na gluconeoxénese hepática", un traballo dirixido polos IPs do CiMUS, Rubén Nogueiras e Carlos Diéguez, no que se mostra en ratos que a nedilación no fígado está modulada pola dispoñibilidade de nutrientes e que xoga un papel fundamental para a produción de glicosa por parte do fígado. "A inhibición da nedilación no fígado de rato reduce a capacidade gluconeoxénica e as accións hiperglucémicas das hormonas contrarreguladoras. Ademais, as persoas con diabetes tipo 2 presentan niveis elevados de nedilación hepática. A nivel mecanístico, o xaxún ou a restrición calórica de ratos conduce á nedilación da fosfoenolpiruvato carboxiquinasa 1 (PCK1) en tres residuos de lisina: K278, K342 e K387", comenta a doutora CiMUS.
Esta investigación atopou que a mutación das tres lisinas PCK1 que están nediladas reduce a súa taxa de actividade gluconeoxénica. "As simulacións de dinámica molecular mostran que a nedilación de PCK1 podería reposicionar dous bucles que rodean o centro catalítico nunha configuración aberta, facendo que o centro catalítico sexa máis accesible ao manganeso, un cofactor clave para a actividade desta encima", aclara Uxía Fernández.
Neste estudo revélase, por tanto, que a nedilación de PCK1 proporciona un mecanismo preciso para controlar o metabolismo da glicosa ao vincular a dispoñibilidade total de nutrientes coa homeostase metabólica.
A tese foi avaliada por un tribunal composto por: Miguel López, do CiMUS da USC; Marcos Fernández Fondevila, San Diego Digestive Diseases Research Center, University of California, e María Luz Martínez Chantar, do CICBiogune, Bilbao, e foi realizada baixo a subvención dunha bolsa FPI para formación de investigadores.
O traballo foi publicado na revista Cell Metabolism (PMCID: PMC10487638), e foi recoñecido pola revista como un dos 15 traballos con máis relevancia no campo durante o ano 2023. Ademais, a investigación foi recoñecida co segundo premio da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).