Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Vanesa Hurtado

Unha nova doutora súmase á canteira de investigadores do CiMUS da USC. Trátase de Vanesa Hurtado, quen acaba de presentar de forma telemática a súa tese "Mecanismos de regulación de Yen1 no mantemento da integridade xenómica e o control da formación de entrecruzamentos". O traballo, dirixido polo xefe do grupo DNA Repair and Genome Integrity, Miguel González, foi avaliado por un tribunal de expertos composto por María Dores Mayán Santos, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo; por Daniel García Souto, do CiMUS da USC, e por Belén Gómez González, do Centro Andaluz de Bioloxía Molecular e Medicina Rexenerativa (CABIMER) da Universidade de Sevilla.

 

 

"As endonucleasas selectivas de estrutura (SSE) forman parte da vía da recombinación homóloga, ruta de reparación do DNA esencial no mantemento da integridade xenómica e na formación de gametos. Estas actúan sobre os intermediarios de recombinación persistentes formados durante o devandito proceso, previndo reorganizacións cromosómicas deletéreas ou unha indebida segregación cromosómica. A función das SSE é tan importante como a súa estrita regulación, a cal é dependente do ciclo celular", explica a nova doutora CiMUS.

Atendendo a iso, neste traballo realizouse unha aproximación xenética utilizando unha versión desregulada da nucleasa Yen1 para tratar de identificar as estruturas secundarias presentes no DNA que deben ser protexidas do procesamento descontrolado de Yen1, así como as consecuencias dunha resolución prematura dos intermediarios de recombinación.

Parte dos resultados desta investigación foron recollidos en dúas publicacións en revistas de recoñecido prestixio:

  • Arter, M., Hurtado-Nieves, V., Oke, A., Zhuge, T., Wettstein, R., Fung, J.C., Blanco, M.G., and Matos, J. (2018). Regulated Crossing-Over Requires Inactivation of Yen1/GEN1 Resolvase during Meiotic Prophase I. Dev Cell 45, 785-800 e786. doi: 10.1016/j.devcel.2018.05.020
  • Carreira, R., Aguado, F.J., Hurtado-Nieves, V., Blanco, M.G. (2022). Canonical and novel non-canonical activities of the Holliday junction resolvase Yen1. Nucleic Acids Res 50, 259- 280. doi: 10.1093/nar/gkab1225.