As teses do CiMUS: Verónica Rivas Limeres
A canteira de investigadores do CiMUS da USC acaba de sumar unha nova investigadora. Trátase de Verónica Rivas Limeres quen acaba de defender con éxito a súa tese doutoral, titulada "Papel dos receptores de hormonas tiroideas na regulación hipotalámica do balance enerxético". O traballo, dirixido polos IPs deste Centro Singular, Miguel López e Ismael González, foi avaliado por un tribunal composto por Juan Roa, do Instituto Maimónides de Investigación Biomédica de Córdoba; Rubén Nogueiras, investigador principal CiMUS, e por Noelia Martínez, do Oxford Centre for Diabetes, Endocrinology and Metabolism (OCDEM).
A nova doutora CiMUS explica que este traballo se contextualiza nun contexto de partida no que as hormonas tiroideas demostraron ter unha grande implicación no gasto enerxético e a inxesta, actuando principalmente a nivel central. "A nivel hipotalámico e, concretamente no VMH, demostrouse que ditas hormonas inhiben a sinalización de AMPK nas neuronas SF1 deste mesmo núcleo. A inhibición de AMPK conduce a un aumento do ton simpático sobre o BAT, o que provoca un aumento da termoxénese neste órgano. Con todo, ata a data descoñecíase cal dos dous receptores de hormonas tiroideas (TRα y TRβ) estaba implicado nestas accións nas neuronas SF1 do VMH", lembra.
Este traballo permitiu, por tanto, demostrar que é TRα1 o receptor implicado na regulación da termoxénese a nivel central por hormonas tiroideas.