Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Yara Souto

Avances no estudo das células pluripotenciais e o seu potencial en medicina rexenerativa 

 

  • Grazas ao papel clave da proteína ZMYM2


A última tese defendida no CiMUS por Yara Souto Becerra profunda no potencial das células pluripotenciais e amplía o seu campo de estudo, de grande utilidade, entre outras, na medicina rexenerativa. Determinando o papel da proteína de dedos de zinc ZMYM2 en pluripotencia é o título deste traballo dirixido por Miguel Fidalgo e Celia M. Pombo e que explora retos como o uso máis eficiente e seguro con fins terapéuticos deste tipo de células. Para iso é necesario un coñecemento máis exhaustivo dos programas moleculares que controlan a pluripotencia. Aínda que mutacións no xene que codifica a proteína ZMYM2 alteran a homeostase das células e os tecidos, as súas funcións na pluripotencia permanecen en gran medida sen explorar.

Nesta tese, a proteína ZMYM2 identifícase como un compoñente clave da rede reguladora central que goberna a pluripotencia. Os datos xerados revelan que ZMYM2 representa un obstáculo para a xeración eficiente de células pluripotentes inducidas por reprogramación e que as súas funcións son necesarias para a correcta capacidade de autorrenovación e diferenciación das células pluripotentes. "A nivel molecular, sinala a investigadora do CiMUS Yara Souto, identificouse a existencia dunha asociación funcional entre ZMYM2 e o regulador epixenético LSD1 para o correcto control transcripcional en pluripotencia".

Este estudo establece por tanto un novo modo de regulación transcripcional dedicado á reprogramación e á pluripotencia, e abre novas oportunidades para explorar máis a fondo o papel de ZMYM2 tanto no desenvolvemento como na enfermidade.

A autora desta tese, cuxa defensa foi de maneira semipresencial, obtivo bolsas de axuda de apoio á etapa predoctoral concedida no ano 2017 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Así mesmo, durante a etapa de formación, gozou dunha estancia na Icahn School of Medicine at Mount Sinai Hospital, (NY, USA), no laboratorio do Dr. Jianlong Wang.

Yara Souto con sus directores