Tratamentos, tecnoloxías emerxentes e novos métodos de diagnose a debate no Congreso Internacional de Lipodistrofias que acolle Santiago de Compostela
- Celebrarase os próximos 18 e 19 de novembro no CiMUS e na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, combinando o formato online e o presencial con preto de 500 asistentes
O CiMUS e a Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerán os próximos 18 e 19 de novembro respectivamente unha nova edición do Congreso Internacional de Lipodistrofias organizado pola Asociación Internacional de Familiares e Afectados (AELIP) e polo CiMUS da USC, a través da Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (UETeM) que coordina David Araújo.
Un encontro de carácter formativo que pretende ser tamén un foro de convivencia e intercambio de experiencias dirixido a estudantes, profesionais, afectados e familiares no que se presentarán en formato híbrido online e presencial, con preto 500 asistentes, os avances máis destacados para afrontar o desafío pouco común que supoñen as lipodistrofias. Farase de man dun importante número de relatores, moitos deles estranxeiros, todos eles expertos no campo das Lipodistrofias tanto na súa vertente clínica como de investigación básica.
Programa para o primeiro día
Na primeira xornada deste encontro afondarase na información sobre o envellecemento adiposo e resiliencia do tecido adiposo a partir das lipodistrofias monxénicas; na educación terapéutica pensada para os pacientes con lipodistrofia; no papel das probas xenéticas na diagnose e tratamento das síndromes de lipodistrofia tanto desde a perspectiva do médico como do paciente; na fisiopatoloxía das lipodistrofias adquiridas e nos novos mecanismos na patoxenia das lipodistrofias ligadas ao xene LMNA.
Tamén se abordarán os novos tratamentos e tecnoloxías emerxentes para pacientes con lipodistrofia, así como o novo método para diagnosticar a lipodistrofia parcial familiar, dando a coñecer, ligado a iso, os resultados en nenos con lipodistrofia parcial familiar tipo 2 (FPLD2); a síndrome de Barraquer Simons, analizando o seu pasado, presente e futuro, e contarase cun testemuño real para afonar no que os pacientes poden ensinar aos profesionais médicos.
Xa en sesión de tarde exporanse as diferenzas e similitudes entre as síndromes de Berardinelli e Lawrence para facer unha diagnose correcta; a saúde ósea en lipodistrofia e a esteatosis na lipodistrofia. Os asistentes poderán achegarse tamén ao impacto metabólico e na calidade de vida do tratamento con leptina; á función reprodutiva en pacientes con lipodistrofia; á encefalopatía de Celia; á historia natural e comorbilidades asociadas na lipodistrofia parcial familiar en España e aos trastornos metabólicos e enfermidade hepática en investigación básica.
A xornada concluirá cunha visita guiada ás instalacións da Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (UETeM).
Segunda xornada do encontro
Na segunda xornada deste encontro os asistentes poderán coñecer de primeira man o impacto socio-sanitario das lipodistrofias e saber máis sobre a actividade da Asociación Italiana Progeria Sammy Basso, cada vez máis internacional. Terán tamén a oportunidade de trasladar aos expertos as súas dúbidas ou consultas e coñecer as novas estratexias ligadas ao Día Mundial da Lipodistrofia.