Un equipo do CiMUS recoñecido cos Premios de Investigación Fundación Barrié-Real Academia Galega de Ciencias
- Trátase do grupo Gene Regulatory Control in Disease, liderado por Ashwin Woodhoo, polo seu descubrimento dun novo mecanismo que revela por que en certas enfermidades se dana a capa protectora dos nervios.

O equipo de investigación do CiMUS da USC Gene Regulatory Control in Disease, liderado por Ashwin Woodhoo, foi recoñecido cun dos accésit na categoría das Ciencias Básicas dos Premios de Investigación Fundación Barrié- Real Academia Galega de Ciencias polo seu descubrimento dun novo mecanismo que revela por que en certas enfermidades se dana a capa protectora dos nervios.
Existen numerosas doenzas que implican lesións de nervios que afectan a brazos e pernas como a esclerose múltiple ou a enfermidade de Charcot-Marie-Tooth, nas que, por circunstancias de orixe ata agora descoñecida, se produce unha perda de mielina, a materia graxa que recobre as células nerviosas e que permite a correcta transmisión do impulso nervioso. Neste contexto, os investigadores acharon un mecanismo clave na súa formación, de xeito que, cando se producen nel anomalías, se desencadean problemas para camiñar, debilidade muscular ou pinzamento nas extremidades. Con este achado engádese unha nova diana para o deseño de novas estratexias terapéuticas contra estas doenzas.
Os Premios de Investigación Fundación Barrié- Real Academia Galega de Ciencias, cos que se busca recoñecer a mellor investigación que se desenvolve en Galicia en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais, serán entregados o vindeiro día 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
