Un estudo do CiMUS da USC sobre o risco suicida en persoas con TEA recibe o apoio da Fundación Mutua Madrileña
- O proxecto RISCATEA, coordinado pola investigadora deste Centro Singular Montse Fernández Prieto, analizará os factores neurocognitivos, psicosociais e xenéticos asociados ao risco suicida en persoas con trastornos do espectro autista (TEA) para desenvolver modelos preditivos mediante aprendizaxe automática.

A Fundación Mutua Madrileña entregou hoxe as súas XXIII Axudas á Investigación Médica, dotadas con 2,3 millóns de euros, a 21 novos proxectos científicos que se levarán a cabo en hospitais de toda España. Entre eles atópase unha investigación do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no ámbito da saúde mental.
O proxecto respaldado pola Fundación, no que tamén participan equipos doutros sete centros españois, é o estudo RISCATEA, coordinado pola investigadora do CiMUS da USC Montse Fernández Prieto. Este traballo analizará os factores neurocognitivos, psicosociais e xenéticos asociados ao risco suicida en persoas con trastornos do espectro autista (TEA) co obxectivo de desenvolver modelos preditivos mediante aprendizaxe automática.
Nos últimos anos detectouse que as persoas con TEA presentan un risco maior ca poboación xeral de desenvolver condutas suicidas. “Os estudos realizados ata o momento reflicten cifras alarmantes: o 15 % das persoas con TEA intentaron suicidarse nalgunha ocasión e o 37 % tiveron algún tipo de ideación suicida. Estes datos reflicten unha importante preocupación de saúde pública para o noso país”, sinala a investigadora.
Tras a análise detallada de aspectos clínicos e xenéticos dun grupo de 800 participantes de entre 12 e 30 anos, Riscatea desenvolverá modelos preditivos mediante aprendizaxe automática baseados en factores neurocognitivos, psicosociais e xenéticos asociados ao risco suicida en persoas con TEA, que poidan axudar os profesionais sanitarios na avaliación deste risco.
