Unha investigación do CiMUS da USC describe un novo mecanismo esencial na aparición da diabetes tipo 1
- Este achado, publicado na revista internacional Nature Communications, suxire a necesidade de estudar a autorreactividade en persoas sas para así poder identificar que sinal inicia a enfermidade
Coñecer a orixe da diabetes tipo 1 para, a partir de aí, avanzar no desenvolvemento de terapias que abran a vía a novos fármacos máis eficaces, e que contribúan a atrasar a aparición desta enfermidade, é unha liña de investigación recorrente posto que a insulina é, ata o momento, o único tratamento para esta patoloxía autoinmunitaria. Agora, o grupo de Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS da USC, en colaboración co King´s College London (Reino Unido) e Technische Universitat Dresden (Alemaña) conseguiu abrir unha nova vía de estudo centrada en comprender que características teñen as proteínas TCR e que provocan un recoñecemento equivocado de autoantíxenos orixinando o proceso de destrución de células pancreáticas que producen insulina. O traballo acaba de publicarse na prestixiosa revista internacional Nature Communications.
"Este proceso de destrución equivocada iníciase cando un tipo de células inmunitarias, os linfocitos T, recoñecen antíxenos propios ("autoantíxenos") coma se pertencesen a axentes estraños como poden ser os virus ou as bacterias. Este recoñecemento lévano a cabo a través dunhas proteínas denominadas TCR ("T cell receptor") que se unen aos antíxenos como unha chave a unha fechadura, de tal modo que, se localizan o antíxeno para o que son específicos, actívanse e comeza o proceso destrutivo. Por tanto, a clave para comprender a causa das enfermidades autoinmunitarias, e así poder desenvolver mellores terapias, é comprender que características teñen estes TCR en pacientes e que provocan este recoñecemento equivocado de autoantíxenos", explica a investigadora do CiMUS, Iria Gómez Touriño.
Autoinmunidade fisiolóxica vs patoxénica
As enfermidades autoinmunitarias son aquelas nas que o sistema inmunitario destrúe, por erro, células propias. Hai máis de 100 enfermidades autoinmunitarias descritas e a súa incidencia está a incrementar dunha maneira cada vez máis rápida. Estas enfermidades inclúen, entre outras, a artrite reumatoide, a enfermidade de Crohn ou a diabetes tipo 1.
O equipo de investigación puido comprobar neste estudo que estas células autorreactivas están presentes en persoas sas, que son moi frecuentes e que están activadas porque recoñeceron un antíxeno pancreático. "Este descubrimento foi completamente inesperado, posto que a dogma no campo da autoinmunidade é que as persoas sen enfermidades autoinmunitarias non deberían ter estas células autorreactivas", comenta Gómez Touriño.
Nunha análise máis detallada, empregando técnicas punteiras de secuenciación, observaron que estes TCR son diferentes entre pacientes e doantes sans. Concretamente, un conxunto de TCR que si aparecen en persoas sas non están presentes en pacientes, e as células dos pacientes presentan unhas características diferentes, expresando máis ou menos algúns xenes específicos, o que suxire que existe unha autoinmunidade fisiolóxica e outra patoxénica.
Todo iso levou ao equipo a formular un novo modelo de autorreactividade en diabetes tipo 1 segundo o cal a morte de células pancreáticas durante o período inmediatamente posterior ao nacemento é necesaria para a correcta formación do páncreas do recentemente nado.
"Así, as nosas defensas desenvolven unha memoria inmunolóxica contra esas células, memoria que, en doantes sans, mantense baixo control durante o resto da vida. Con todo, en persoas que máis adiante desenvolverán diabetes tipo 1, esta memoria que se xera é imperfecta e demasiado proclive a reactivarse e, ademais, non se controla correctamente, conducindo á destrución masiva de células pancreáticas", aclara a investigadora.
Este estudo arroxa, por tanto, luz sobre os mecanismos iniciais que conducen á aparición da diabetes tipo 1 e resalta a importancia de estudar a autorreactividade en persoas sen enfermidades autoinmunitarias para así poder diferenciar a autorreactividade fisiolóxica e a patolóxica.
A diabetes en idade pediátrica
A investigadora CiMUS, Iria Gómez Touriño, centra a súa investigación na diabetes infantil e xuvenil. "É unha enfermidade que nada ten que ver con que os nenos e adultos novos coman mal, esa é a diabetes tipo II. A diabetes dos nenos está condicionada polo feito de que o seu sistema inmunitario se confunda e mate ao páncreas. Ao facelo e matar as células do páncreas, este non pode producir insulina", destaca.
Desde o grupo de Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS da USC búscase avanzar no coñecemento dos mecanismos que provocan esta enfermidade, empregando novas técnicas moleculares e de secuenciación, propondo unha explicación alternativa ás causas que subxacen ao proceso autoinmunitario que caracteriza esta patoloxía.
Sobre CiMUS
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento da enfermidade crónica. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Máis información na web https://cimus.usc.gal/ ou síguenos nas redes sociais @cimususc (Twitter, Instagram e LinkedIn).