Ir o contido principal
Científica

USC e SunRock lanzan unha Unidade Mixta para acelerar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e inflamación

  • A iniciativa, coordinada pola profesora Mabel Loza desde o CiMUS, contará con 2,73 millóns de euros durante case tres anos e está cofinanciada por fondos FEDER da Unión Europea.

  • A Unidade Mixta conta coa participación de tres grupos de investigación do Centro: a Plataforma Innopharma, liderada pola Dra. Mabel Loza; o grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, que coordina o Dr. Anxo Vidal; e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, coordinado polo Dr. Pablo Aguiar; así como a participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e a colaboración da Fundación Kærtor.

  • Une o coñecemento científico da USC e a experiencia empresarial da compañía SunRock Biopharma para o desenvolvemento preclínico de terapias biolóxicas seguindo un modelo de innovación aberta.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a compañía biotecnolóxica SunRock Biopharma puxeron en marcha unha Unidade Mixta de Investigación co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas.

A iniciativa, cuxa resolución foi publicada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está cofinanciada nun 60% con fondos estruturais da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027.

A Unidade Mixta está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, e reúne tres grupos de investigación do centro:

-Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN, liderada por Mabel Loza.

-Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, que dirixe Anxo Vidal, dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro.

-Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe.

Estas capacidades complétanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular.

Ademais, esta Unidade Mixta conta coa colaboración da Fundación Kærtor, a través do convenio entre a USC e a propia Kærtor para colaborar en investigación e transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos, e entre cuxas actividades se atopa precisamente potenciar a investigación preclínica pre-regulatoria en Galicia.

O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo-fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3, áreas nas que SunRock conta con programas propios en desenvolvemento.

 

Da ciencia académica ao activo licenciable

O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo no que as novas opcións terapéuticas estean dispoñibles para os pacientes.

A Unidade Mixta artéllase baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial. A colaboración permitirá xerar e validar datos preclínicos en fases temperás, optimizando a selección de candidatos e reducindo a incerteza antes da súa transferencia a grandes compañías farmacéuticas que completen o seu desenvolvemento.

Este enfoque aliñase coa estratexia de SunRock Biopharma, centrada en avanzar os seus programas ata etapas preclínicas e clínicas iniciais para maximizar o seu valor mediante acordos de licenza con compañías farmacéuticas.

“Esta Unidade Mixta permítenos integrar ciencia académica de primeiro nivel no noso proceso de xeración de activos e acelerar a obtención de datos clave para tomar decisións de desenvolvemento e partnering”, sinala Juan Buela, director xeral de SunRock Biopharma. “O noso obxectivo é converter hipóteses biolóxicas sólidas en programas con potencial real de licenza no menor tempo e co menor risco posible”.

A coordinadora da iniciativa, a Dra. Loza, destaca que a creación desta Unidade Mixta responde á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre investigación básica e aplicación clínica. En particular, resalta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito en fases temperás do desenvolvemento”.

 

Sobre SunRock Biopharma

SunRock Biopharma é unha compañía biotecnolóxica con sede en Santiago de Compostela centrada no desenvolvemento de anticorpos terapéuticos de primeira clase, incluíndo anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo-fármaco. A empresa focaliza a súa actividade en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas, con especial interese en dianas como CCR9 e HER3.
A compañía mantén unha estratexia activa de partnering internacional, orientada á xeración de valor a través de acordos de licenza con terceiros.

 

Plataforma Innopharma

A Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do CiMUS é unha plataforma de referencia en investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos. Con máis de 25 anos de traxectoria, contribuíu ao desenvolvemento de 17 novas entidades químicas que alcanzaron ensaios clínicos en colaboracións público-privadas, xerando máis de 300 novos ensaios aplicables ao proceso de descubrimento de fármacos. Innopharma é unha das oito plataformas europeas de alta capacidade acreditadas no consorcio europeo de infraestruturas de investigación ERIC EU-OPENSCREEN (https://www.eu-openscreen.eu/
), o que implica dispoñer das tecnoloxías e capacidades de descubrimento de fármacos ao máximo nivel en Europa, sendo a prof. Mabel Loza tamén a representante científica de España nese ERIC.

 

Grupo Cell Cycle and Oncology (CyClOn)

O grupo Cell Cycle and Oncology (CyClOn) do CiMUS desenvolve a súa actividade en oncoloxía experimental desde 2003. As súas investigacións contribuíron a desentrañar os mecanismos moleculares da oncoxénese, en particular o papel dos reguladores do ciclo celular no desenvolvemento tumoral, con publicacións en revistas de grande impacto. Na última década orientou a súa actividade á validación de novas estratexias terapéuticas en cancro, en campos como a nanomedicina, os novos materiais e as terapias biolóxicas, con colaboracións produtivas con SunRock Biopharma.

 

Grupo Molecular Imaging Biomarkers and Theragnosis Lab (MIBIOLAB)

O Molecular Imaging Biomarkers and Theragnosis Lab (MIBIOLAB) é un grupo de referencia internacional no campo dos biomarcadores de imaxe PET, cuxos resultados tiveron un impacto directo na investigación clínica en neuroloxía, con publicacións en revistas de primeiro nivel. No ámbito preclínico, centra a súa actividade no desenvolvemento de biomarcadores PET e aproximacións teragnósticas en neuroloxía, oncoloxía e inflamación, liderando proxectos estratéxicos nacionais e internacionais e mantendo colaboracións con institucións nacionais e europeas de excelencia, como a súa participación na rede CIBERNED do ISCIII. Ademais, froito das súas liñas en biomarcadores PET xurdiu en 2014 a spin-off Qubiotech Health Intelligence, referente en software clínico de cuantificación PET.