Ir o contido principal
Institucional

Yolanda Prezado, premio María Josefa Wonenburger 2026

  • A investigadora do CiMUS da USC recibe o recoñecemento pola súa traxectoria científica e a súa contribución á protonterapia de mans da conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta
  • Con ela son tres as investigadoras do Centro recoñecidas con este prestixioso galardón: Mabel Loza e María José Alonso

Referente en Europa en innovación radioterápica

Yolanda Prezado (Verín, 1977) é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Previamente, formou parte do Institut Curie, en París, como líder do grupo de radiobiología traslacional. Durante os anos 2019 e 2020 presidiu o Comité Científico da Federación Europea de Físicos Médicos e o Congreso Europeo de Física Médica. Desde o seu regreso a Galicia está a configurar un polo de referencia en radioterapia avanzada no CiMUS, cunha proxección clínica e tecnolóxica de longo percorrido.

A Unidade da Muller e da Ciencia de la Xunta destacou o papel de Yolanda Prezado nas investigacións sobre radioterapia e, especificamente, os seus traballos sobre protonterapia, un campo no que está considerada un referente europeo. En xeral, o seu labor céntrase en impulsar tratamentos radiobiológicos fronte ao cancro, con terapias menos invasivas. De feito, os seus avances foron merecedores do premio da Academia Francesa das Ciencias no ano 2021.

En 2024, despois de máis dunha década en Francia, a Dra. Prezado retornou a Galicia para incorporarse ao CiMUS-USC como investigadora distinguida do programa Oportunius de GAIN, o que supón a validación operativa do principal instrumento que a Xunta deseñou para captar talento investigador de excelencia internacional. O obxectivo do seu retorno é impulsar a investigación en protonterapia, unha tecnoloxía da que Galicia será referente a nivel estatal coa apertura en 2026 do primeiro centro da rede pública estatal.

O Pleno da Unidade Muller e Ciencia destacou que este ano foi un dos máis complicados á hora de escoller unha proposta, ao haber candidaturas moi diversas, con moito talento e que supuxeron unha difícil elección. Cabe sinalar que este premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.