Ir o contido principal
Divulgación

Yolanda Prezado: "Vivimos un momento fascinante no campo da protonterapia"

Por que o CiMUS debe abrirse á sociedade con actos como este?

Creo que o CiMUS da USC leva facendo un traballo de divulgación encomiable desde hai tempo. As xornadas de portas abertas completan ese traballo e son ademais moi importantes porque o público xeral ten a ocasión de ver en primeira persoa os laboratorios e intercambiar pareceres co persoal científico do centro.

 

Balance de asistencia e interese por parte do público

Eu creo que o balance é positivo. O grande interese demóstrase porque poucos minutos despois da apertura de inscricións xa non quedan prazas dispoñibles.  Os asistentes mostráronse moi interesados e fixeron moitas preguntas tanto nos talleres como nas presentacións.  Foi ademais moi bonito ver o interese dos nenos. Había moitos e estaban todos concentradísimos nos talleres. Nin un se moveu das mesas dos talleres e todos participaron de maneira moi entusiasta.

 

Como perciben a ciencia os máis novos? Como chegamos a eles/as? Como conseguimos espertar vocacións?

Eu penso que a ciencia interesa moito aos nenos, non hai máis que ver como se hipnotizan cando ven un documental didáctico ou cando participan en talleres ou actividades científicas deseñadas para eles. Creo que perdemos a parte deles un pouco máis adiante, cando entran na adolescencia posiblemente por unha didáctica e comunicación cara a eles menos adaptada. Creo que facer divulgación a través de xornadas como esta é moi importante para reverter o proceso, pero tamén facer xornadas e charlas en institutos e axudar a montar talleres a nivel das escolas e centros de secundaria para alumnos que mostren un interese temperán. No entanto, hai que destacar que é difícil espertar vocacións se os mozos ven a  carreira científica como unha carreira de obstáculos (que o é). Necesitamos mellorar o sistema para que os nosos mozos non perdan o entusiasmo e iso pasa por ofrecer condicións dignas aos nosos científicos novos.

 

Retos e próximos pasos en investigación en protonterapia

A protonterapia (e a radioterapia en xeral) están nun momento realmente fascinante. Estamos a presenciar un cambio de paradigma (e práctica clínica) que vai vir guiado pola bioloxía. Especialmente en protonterapia, os tratamentos explotaron as vantaxes físicas (que son moitas), pero non as potenciais numerosas vantaxes biolóxicas, cuxo coñecemento é máis limitado. Iso é debido a que ata hai pouco o acceso a centros de protonterapia para facer investigación era moi limitado porque había un número reducido de centros no mundo. A explosión de centros que está a haber a nivel mundial, pero tamén nacional (10 novos centros en España) vai facer que podamos entender en profundidade a radiobioloxía dos protones e iso vainos permitir mellorar aínda máis os tratamentos, pero tamén ampliar eficazmente as indicacións do tratamento.

Para poder realizar unha investigación eficaz en protonterapia, sobre todo a nivel de radiobioloxía, hai varios retos. Un deles é poder ter acceso a liñas de protóns dedicadas á investigación. Isto vai ser algo do que se vai a gozar en Santiago posto que hai previsión de ter unha sala e liña de haz dedicada a investigación, polo menos por uns anos. Isto vai permitir aglutinar unha comunidade de investigadores ao redor dela e crear unha especie de polo.  Pero quizais o reto máis importante a superar e que ademais é crucial, é conseguir que haxa convocatorias ou subconvocatorias de proxectos de investigación cunha certa coloración ou unha certa sensibilidade cara a radioterapia/protonterapia e iso pasa tamén por ter expertos nos paneis de avaliación.  A radioterapia é a grande esquecida dos paneis de avaliación de proxectos nas grandes convocatorias nacionais do Ministerio, do Instituto Carlos III e outras. Os proxectos xúlganos expertos doutras especialidades con outras sensibilidades e intereses e con compresión non do todo profunda sobre a estado da arte e as especificidades (interdisciplinares, tecnolóxicas, etc) e necesidades do campo da radioterapia. Isto vén penalizando a nosa especialidade, que segue sendo unha gran descoñecida e pouco apoiada.  Este é un dos retos persoais que me propuxen atacar desde a miña chegada a España hai uns meses. Para iso creamos na Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica unha plataforma, que se chama Plataforma de Investigación traslacional, que eu mesma co-coordino, para realizar accións de visibilización pero tamén de reivindicación a nivel das institucións.

A Radioterapia está implicada na curación da metade dos pacientes de cancro, pero dedícaselle só menos dun 5% de todo o investimento a investigación contra o cancro. Estas cifras mostran claramente a falta de equilibrio existente. A única asociación que tivo a visión e sensibilidade cara este problema é a Asociación Española contra o Cancro (á que agradezo de todo corazón), creando unha convocatoria de proxectos estratéxicos, na que o panel de avaliación conta polo menos cun especialista en Oncoloxía radioterápica. 

 

Ligazón de acceso a súa charla en Ciencia Singular: https://n9.cl/aacm5