Ángel Carracedo, novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina

O investigador do CiMUS da USC Ángel Carracedo Álvarez foi elixido novo académico de número na especialidade de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina de España, tras unha votación realizada polos actuais membros da institución na súa última xunta de goberno.
Ocupará o sillón 19 e terá un papel clave na elaboración e revisión de estudos, investigacións e publicacións relacionadas coa medicina e a saúde; contribuirá á promoción do coñecemento médico asesorando en cuestións científicas e participará nas labores museísticas e nas sesións semanais de debate que se organizan na Academia. Tamén colaborará na Revista Anales (www.analesranm.es) e na actualización do Dicionario panhispánico de termos médicos (www.dptm.es), entre outras actividades.
Líder mundial en xenética forense e medicina legal
Ángel Carracedo é unha das figuras de maior prestixio internacional no ámbito da xenética forense e da medicina legal. Catedrático da USC e director do Grupo de Xenómica do CiMUS, foi pioneiro na implantación e estandarización da proba de ADN forense a nivel mundial e contribuíu ao desenvolvemento da medicina legal humanitaria na identificación de vítimas de desastres, conflitos e crises humanitarias. Autor de máis de 900 publicacións científicas e cunha destacada traxectoria internacional, dirixe actualmente diversas institucións e programas estratéxicos en medicina xenómica e recibiu algúns dos máis importantes recoñecementos científicos nacionais e internacionais.
