Un estudo do CiMUS da USC e do IDIS amosa que o camuflaxe de trazos autistas se asocia cun maior estrés psicolóxico e biolóxico.
A diferenza de estudos anteriores, centrados principalmente en cuestionarios, esta investigación publicada na revista Molecular Autism incorpora por primeira vez biomarcadores para avaliar o impacto fisiolóxico do camuflaxe, empregando a concentración de cortisol no cabelo como indicador obxectivo do estrés acumulado.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025.- Agochar os trazos autistas en situacións sociais pode ter un custo maior do que se pensaba para a saúde. Un estudo liderado desde o CiMUS da USC a través do grupo Genomics and Bioinformatics e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), en colaboración co Karolinska Institutet de Suecia, revelou que estas estratexias se asocian con marcadores de estrés psicolóxico e biolóxico, achegando unha nova perspectiva sobre como afecta o camuflaxe á saúde das persoas autistas.
“Este é o primeiro traballo que conseguiu atopar evidencias de que o camuflaxe de trazos autistas pode actuar como un estresor crónico, influíndo no eixo HPA (hipotálamo-hipofisario-adrenal, que é o principal sistema de resposta do corpo ao estrés, que implica o hipotálamo, a hipófise e as glándulas suprarrenais), o que provoca unha elevación do cortisol acumulado. Esta investigación achega, polo tanto, información clave para comprender mellor o burnout autista, un fenómeno cada vez máis estendido, a saúde mental e para detectar perfís de risco”, explica a investigadora do CiMUS e coautora do estudo, Sabela Conde-Pumpido Zubizarreta.
Un estudo con 315 persoas xemelgas participantes
O traballo analizou 157 parellas de xemelgos da cohorte sueca RATSS (Roots of Autism and ADHD Twin Study in Sweden), entre as cales 69 participantes eran persoas autistas sen discapacidade intelectual.
A diferenza de estudos anteriores, baseados principalmente en cuestionarios, esta investigación incorporou un biomarcador obxectivo: a concentración de cortisol no cabelo, un marcador de estrés a longo prazo que reflicte o estrés acumulado durante aproximadamente cinco meses. Esta aproximación permitiu obter unha imaxe máis obxectiva sobre o impacto do camuflaxe no organismo.
Os resultados amosaron que, a nivel xeral, as persoas que utilizaban con máis frecuencia estratexias de camuflaxe tendían a presentar maiores niveis de cortisol acumulado. No caso das persoas adultas, o camuflaxe asociouse tanto con síntomas relacionados co estrés psicolóxico como con niveis elevados de cortisol, o que subliña o impacto destas estratexias na vida adulta.
A xenética, factor clave
O estudo puido examinar, grazas á mostra de persoas xemelgas, o papel dos factores xenéticos e do ambiente familiar nesta relación. Os resultados indican que estes factores contribúen de maneira importante a como se vinculan camuflaxe e estrés.
“Pero o achado máis chamativo chegou ao controlar precisamente eses factores familiares e xenéticos: nas parellas nas que ambas persoas eran autistas e nas parellas adultas, un camuflaxe máis intenso asociouse con niveis máis baixos de cortisol acumulado. Unha posible explicación é que o uso continuado do camuflaxe fatigue o sistema neuroendocrino, reducindo a capacidade do organismo para producir cortisol de forma sostida”, comenta Conde-Pumpido Zubizarreta.
