A directora do CiMUS da USC nunha campaña da Xunta de Galicia para visibilizar o talento e a competitivade da I+D+i entre a cidadanía
- A directora científica do CiMUS, Mabel Loza, Jaime Martín, do CITENI; Luis Pérez, de Gradiant; María de la Fuente, de Diversa Technologies; e Pablo Álvarez, de Mestrelab, representantes de distintos ámbitos da I+D+i e entidades da Comunidade, son os perfís escollidos para esta campaña de aproximación da ciencia á sociedade
- A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP iniciará esta semana unha ampla acción de promoción que difunde a importancia da ciencia e a innovación para a mellora social e económica

A Xunta de Galicia comeza esta semana unha campaña de promoción co obxectivo de visibilizar o talento dos profesionais dedicados á I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, así como a competitividade do ecosistema que a conforman. Trátase dunha prioridade na acción do Goberno autonómico nun sector que vén medrando nos últimos anos en relevancia desde o punto de vista orzamentario e en proxección e recoñecemento a nivel internacional como sinal de identidade da Galicia Calidade.
Trátase dunha campaña que se difundirá a través dos medios de comunicación en distintos soportes, así como en redes sociais e accións na rúa. Estará protagonizada por cinco profesionais que destacan polo traballo que levan a cabo en materia de I+D+i na nosa Comunidade. Proceden de diferentes sectores como a biotecnoloxía, o software científico, a farmacoloxía, as tecnoloxías da información e a comunicación, conectividade, intelixencia artificial e ciberseguridade, a electrónica ou a ciencia de polímeros.
Traballan en distintos tipos de entidades que conforman o equipo da I+G+i no eido universitario e nos centros de investigación da Rede CIGUS, nos centros tecnolóxicos, a investigación empresarial ou o desenvolvemento de spin-off de base científica.
Con esta campaña, realizada por segundo ano consecutivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volve amosar a súa aposta por un ámbito prioritario para o avance social e a competitividade económica da nosa Comunidade.
Os representantes da campaña
A directora científica do CiMUS da USC, Mabel Loza, é unha das cinco representantes escollidas pola Xunta para protagonizar esta campaña. O perfil da catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, é destacado pola Consellería como o dunha “científica cunha longa traxectoria e que está ao fronte do grupo de investigación BioFarma, ademais de ser a impulsora da plataforma de cribado de fármacos InnoPharma”. No caso do CiMUS, a Xunta subliña que se trata dun “centro que forma parte da Rede CIGUS, conformada polos centros de investigación universitarios máis excelentes de Galicia, e que foi recoñecido no último ano co prestixioso selo María de Maeztu”.
Outro dos protagonistas é o investigador Oportunius Jaime Martín, que desenvolve a súa actividade científica no CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. Trátase dun científico que a Xunta foi capaz de captar doutra comunidade. En concreto, en 2022 logrou unha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), as máis prestixiosas da I+D+i no continente, para sacar adiante o proxecto Paracryst. Para atraelo a Galicia, accedeu ao programa Oportunius da Consellería de Ciencia. A súa investigación céntrase na estrutura dos polímeros semicondutores, o que posibilitará avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares máis estales e eficientes.
Luis Pérez é o director executivo do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, e especializado nas tecnoloxías da información e a comunicación, a conectividade, a intelixencia artificial e a seguridade. Esta tipoloxía de centros xogan un papel clave na I+G+i polo seu carácter transversal e diverso, en constante contacto co sector produtivo. Doutor en Telecomunicación pola Universidade de Vigo, centrou as súas investigacións nas marcas de auga, a seguridade e o procesamento multimedia. De feito, incorporouse a Gradiant no ano 2009 para impulsar a creación e consolidación dunha nova área.
Pola súa banda, a directora executiva e cofundadora de Diversa Technologies, María de la Fuente, representa a capacidade da I+G+i de transferir coñecemento á sociedade. Conta con máis de 20 anos de experiencia e a súa área e especialización é a aplicación da nanotecnoloxía no ámbito biomédico para achegar solucións a necesidades clínicas non cubertas e avanzar cara ao concepto de medicina personalizada. Esta científica galega está ao fronte de Diversa, spin-off biotecnolóxica do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela) e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que xurdiu no 2021 a través do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia.
Finalmente, Pablo Álvarez é a cara visible da investigación empresarial. Ao fronte, como director, do Centro de Investigación Empresarial Mestrelab, de recente creación e que contou co apoio da Xunta. Esta entidade está centrada no sector de software científico. Con 25 anos de experiencia, Pablo Álvarez tamén é presidente do hub de innovación dixital europeo EDIH DATAlife, fundador e Xeral Partner do fondo Bio&Tech Capital e desenvolveu a Fundación T.END co obxectivo de erradicar a tuberculose no mundo.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa traslación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está “subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional” e “cofinanciado pola Unión Europea” a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
