Ir o contido principal
Científica

Enfermidades neurodexenerativas: innovación nos coidados e modelos de atención, a debate no CiMUS da USC

  • O vindeiro 15 de setembro, coincidindo coa proximidade da celebración do Día Mundial do Alzheimer o día 21, terá lugar en colaboración coa Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), unha mesa redonda sobre os avances na investigación e como contribúen a mellorar a calidade de vida de persoas con este tipo de patoloxías

 

A atención integral de persoas que padecen enfermidades neurodexenerativas e as súas familias para mellorar a súa calidade de vida é o obxectivo da mesa redonda que terá lugar o vindeiro luns, día 15, no CiMUS da USC, evento coofinanciado con fondos europeos. En colaboración coa Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), o centro singular da USC presta atención a unha abordaxe integral destas patoloxías, desde a perspectiva do diagnóstico e tratamento, con probas de imaxe de alta precisión; ata novidosos estudos e avances farmacolóxicos que se veñen desenvolvendo no CiMUS. A visión neuro-psicolóxica terá tamén un importante espazo neste encontro da man de especialistas de AGADEA.

 

Avances en investigación en Alzheimer

Dolores Viña, do grupo CDPharma do CiMUS, fará un percorrido polos principais factores de risco na enfermidade do Alzheimer e compartirá o traballo de investigación do grupo que dirixe enfocado á identificación de novas dianas terapéuticas para protexer a integridade da barreira hematoencefálica favorecendo así a neuro-protección. 

Pablo Aguiar, do Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose do CiMUS, tratará sobre as técnicas de imaxe PET e como contribúen aos avances no diagnóstico de Alzheimer en fases moi temperás.  Aínda que non están dispoñibles en todos os hospitais e teñen un custo elevado, trátase de avances revolucionarios e sen precedentes, pois ofrecen unha proba non invasiva e moi precisa para identificar a persoas en risco de padecer a enfermidade. Estas técnicas representan un cambio de paradigma na práctica clínica, pasando dun diagnóstico tardío a un diagnóstico en pacientes asintomáticos, co que podemos avanzar cara a terapias máis personalizadas que se apliquen cando a enfermidade aínda é reversible, e mesmo a desenvolver estratexias de medicamento preventivo no campo das demencias.

Pola súa banda, José Manuel Brea, tamén do grupo do CiMUS Biofarma, será o encargado de revisar as estratexias actuais para o tratamento da enfermidade, poñendo especial énfase nas posibilidades terapéuticas que ofrece o lecanemab, un anticorpo monoclonal de recente aprobación en España. Tamén falará dos estudos clínicos que se están levando a cabo xunto con novas estratexias experimentais que se utilizan para a busca de novos tratamentos.

 

Apoio psicolóxico a persoas enfermas e coidadoras 

Desde AGADEA, a neuropsicóloga Taida Sánchez abordará os novos métodos diagnósticos relacionados cos biomarcadores en análises de sangue; e presentará a guía de apoio a persoas coidadoras elaborada polo equipo da Asociación. O psicólogo Jorge Méndez falará sobre as novas terapias farmacolóxicas en xeral, os distintos tipos que existen na actualidade e cales e por que aplican en AGADEA.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional » e «cofinanciado pola Unión Europea».