Ir o contido principal
Divulgación

A investigación máis social na novena edición de Ciencia Singular da USC

  • O sábado 8 de novembro, os equipos da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC (CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS) amosarán o seu labor científico á cidadanía, a través de obradoiros e charlas dirixidas a todos os públicos
  • A xornada anual de Ciencia Singular ten o obxectivo de transmitir á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros, de referencia nos seus ámbitos, e fomentar vocacións científicas entre o público máis novo
  • As inscricións abriranse o mércores 29 de outubro ás 16.00 horas

 

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre, un ano máis, as portas á cidadanía o sábado 8 de novembro, na novena edición de Ciencia Singular. Centos de persoas poderán visitar durante todo o día espazos que son referencia nas súas áreas científicas. Os cinco centros participantes, (CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS) forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.  Estes centros están cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán estas instalacións científicas para coñecer, da man do persoal investigador, o labor punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web cienciasingular.usc.es desde o próximo mércores 29 de outubro ás 16.00 horas. Na propia páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada. Habilitaranse catro quendas de visitas (10:00, 12:00, 16:00 e 18:00).

O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros. Así, dun xeito ameno e accesible, a través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas, centos de visitantes poderán descubrir como se traballa en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física de partículas ou as ciencias ambientais. Ciencia Singular tamén procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás, polo que o programa inclúe actividades para o público máis novo.

 

Diversión e divulgación 

A actividade concreta do CiMUS ese día centrarase en achegar á cidadanía o traballo que desenvolve arredor da biomedicina e a saúde. Para iso conta cun amplo programa de obradoiros de experimentación científica, como “Moléculas de gominolas”; “Hixiene: fabricamos un xabón personalizado”;“Observando como científicos: células animais e vexetais” e “Xenerador de electricidade estática Van de Graff. O corpo humano como circuito divertido”, pensados para o público infantil.

Tamén contempla propostas de divulgación para adolescentes e persoas adultas, nas que se poderá descubrir como se estuda o párkinson, os segredos das proteínas, as autopistas da vida que representan os vasos sanguíneos, como construir e reparar un xen coas mans e achegarse á plasticidade cerebral. 

Ademais, o centro abrirá as portas dos seus laboratorios —entre eles, a plataforma Innopharma e o laboratorio de xestión automatizada de compostos— para amosar de preto as tecnoloxías de vangarda que emprega na súa investigación. 

O programa completarase cun ciclo de charlas divulgativas en formato híbrido, presenciais e retransmitidas pola canle de YouTube do CiMUS, nas que persoal investigador abordará temas como a relación entre o cerebro e a menopausa, os cavernomas cerebrais, a barreira do cerebro fronte á neurodexeneración ou a capacidade rexeneradora do fígado.

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa traslación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel estatal como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).