A investigadora do CiMUS da USC Yolanda Prezado, premiada pola Cátedra UB-Atrys de Radioterapia Personalizada pola súa investigación pioneira no tratamento do cancro.

A investigadora do CiMUS e profesora de investigación Oportunius da USC, Yolanda Prezado, foi distinguida na V edición dos Premios de Investigación en Radioterapia Personalizada da Cátedra UB-Atrys, cos que se recoñecen as contribucións científicas máis innovadoras no ámbito da oncoloxía radioterápica.
O traballo premiado de Prezado céntrase na radioterapia mini-GRID, unha novidosa técnica de irradiación espacialmente fraccionada con feixes moi pequenos en aceleradores lineais sen filtro aplanador, que permite administrar altas doses de maneira heteroxénea e precisa, reducindo o dano ao tecido san e abrindo novas posibilidades no tratamento de tumores complexos.
Tras recibir o premio, Yolanda Prezado destacou o valor deste recoñecemento: “Este premio pon en valor liñas de investigación que procuran un cambio real na forma en que tratamos o cancro. A radioterapia mini-GRID ten o potencial de mellorar significativamente a eficacia terapéutica en tumores resistentes, e recoñecementos como este son clave para seguir avanzando e trasladar estes resultados á práctica clínica”.
Este novo recoñecemento reforza a traxectoria científica de Yolanda Prezado e consolida o posicionamento do CiMUS como referente na investigación biomédica e na innovación en terapias avanzadas contra o cancro.
Ligazón de acceso ao traballo premiado:
