Ismael González García do CiMUS da USC obtén unha prestixiosa bolsa Starting Grant do ERC para investigar en menopausia
- O obxectivo do proxecto HypoPause, financiado con 1,5 millóns de euros durante cinco anos, é estudar os cambios moleculares e celulares que se producen no hipotálamo durante a menopausia e comprender o seu papel nos mecanismos fisiopatolóxicos que impulsan as alteracións metabólicas

Dous proxectos que se desenvolverán na USC, liderados respectivamente por Saray Busto Ulloa e Ismael González García, acaban de ser recoñecidos na última convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC). Este programa do Consello Europeo de Investigación proporciona financiamento para apoiar persoal investigador con proxectos vangardistas e rompedores, sendo a excelencia científica o único criterio de avaliación. En concreto, a modalidade Starting Grant distingue persoal cunha traxectoria postdoutoral de entre dous e sete anos, outorgando para cada iniciativa un financiamento de ata 1,5 millóns de euros por un período de cinco anos. Nesta edición presentáronse un total de 3.928 propostas, das cales foron seleccionadas 478.
O investigador do CiMUS Ismael González García afondará a través do seu proxecto HypoPause nos cambios producidos na rexión cerebral do hipotálamo durante a menopausia e que provocan as alteracións metabólicas propias desta etapa. Con este fin, desenvolverase un plan de investigación mediante técnicas de secuenciación de ARN, análise histolóxica en modelos preclínicos de menopausia e edición xenética in vivo para comprender se existe unha alteración nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estes explican as alteracións na adiposidade, na homeostase da glicosa e no metabolismo óseo que se producen durante a menopausia.
Buscar respostas no hipotálamo
A menopausia, entendida como o final da menstruación periódica, débese á perda da función folicular ovárica, é dicir, que os ovarios deixan de liberar óvulos, e está asociada a uns cambios endócrinos importantes, isto é, unha diminución dos niveis de hormonas ováricas no sangue. A idade á que a menopausia adoita comezar está entre os 45 e os 55 anos nas mulleres de todo o mundo. Segundo a OMS, en 2021, as mulleres de 50 anos ou máis representaban o 26% do total de mulleres de todo o mundo.
Dados estes datos demográficos, é importante destacar que a saúde das mulleres vese afectada pola menopausia e, en particular, as alteracións metabólicos aumentan a súa prevalencia en comparación coa etapa premenopáusica. Estas inclúen o aumento da adiposidade abdominal, un maior risco de síndrome metabólica, un empeoramento da resistencia á insulina asociada á diabetes tipo 2 e unha redución da densidade ósea, que favorece a osteoporose.
O hipotálamo é unha área cerebral clave que controla múltiples sistemas fisiolóxicos, como o balance enerxético (faino, por exemplo, regulando a fame, a saciedade e o gasto enerxético), a homeostase da glicosa e o metabolismo óseo. As hormonas ováricas actúan sobre o hipotálamo para regular a fisioloxía feminina, pero despois da menopausia, a súa produción detense e tanto o estradiol como a proxesterona diminúen drasticamente. A partir de estudos previos, sabemos que esta falta de hormonas afecta á función hipotalámica. En concreto, décadas de investigación permitiron identificar o mecanismo hipotalámico que causa os síntomas vasomotores (coñecidos comunmente como "sofocos") asociados á transición menopáusica. Non obstante, aínda está por explorar se a menopausia provoca unha alteración nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estas posibles alteracións inflúen nos cambios metabólicos asociados a esta etapa da vida dunha muller.
En conclusión, considerando a demografía actual da menopausia e o aumento gradual da esperanza de vida nas sociedades, o proxecto HypoPause é unha investigación que podería afectar a un gran número de mulleres e durante unha etapa das súas vidas que abrangue cada vez máis anos.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional » e «cofinanciado pola Unión Europea».
