María José Alonso, elixida Membro Asociado da Académie Nationale de Pharmacie de Francia
A IP do CiMUS da USC, María José Alonso, foi elixida Membre Associé da Académie Nationale de Pharmacie de Francia. A cerimonia oficial de ingreso tivo lugar o 17 de decembro, marcando un fito significativo na súa distinguida traxectoria internacional.
A Académie Nationale de Pharmacie, fundada en 1803, é unha das institucións científicas máis prestixiosas de Francia e reúne destacados expertos que contribúen ao avance da farmacia, das ciencias da saúde e da saúde pública. A elección como Membre Associé está reservada a científicos de recoñecido prestixio internacional cuxo labor tivo un impacto profundo e duradeiro nas ciencias farmacéuticas.
Este novo recoñecemento reforza aínda máis o salientable perfil internacional de María José Alonso e súmase a unha extensa listaxe de distincións concedidas por relevantes institucións académicas e científicas de todo o mundo. Entre elas destacan a súa elección como membro da Academia Nacional de Medicina dos Estados Unidos (NAM, 2016), do Colexio de Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE, 2017), do Colexio de Fellows da Controlled Release Society (CRS, 2018), da Real Academia de Medicina de Bélxica (2021), da Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica da Arxentina (2024), así como os doutoramentos honoris causa outorgados pola Universidade de Nottingham (2022), a Universidade de Córdoba e a Universidade de Bos Aires (2025). É así mesmo membro da Real Academia de Farmacia de España, da Real Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias.
Pioneira en nanotecnoloxía farmacéutica, María José Alonso é catedrática de Biofarmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Realizou estancias como investigadora visitante na Universidade de París XI (1986-87), na Universidade de Angers (1989) e no MIT, durante os períodos 1991-1992 e novamente en 2012.
O seu laboratorio de investigación, referencia nacional en nanotecnoloxía farmacéutica, conta con máis de tres décadas de experiencia no desenvolvemento de sistemas avanzados de liberación de fármacos, nanomedicinas, vacinas e terapias baseadas en ARN dirixidas a enfermidades infecciosas, autoinmunes, oncolóxicas e neurodexenerativas.
A profesora Alonso coordinou e participou en numerosos proxectos internacionais de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Con máis de 320 publicacións científicas, un índice H de 108 e 26 familias de patentes, é a autora máis citada en España no ámbito da Farmacia e a Farmacoloxía e foi clasificada de maneira continuada entre as investigadoras líderes a nivel mundial en farmacoloxía e biofarmacia.
