Ir o contido principal
Científica Institucional

O CiMUS acolle a presentación da Unidade Mixta USC–SunRock Biopharma para o Desenvolvemento Preclínico de Terapias Biolóxicas

Este vindeiro xoves, 4 de xuño, ás 9:30 horas, o CiMUS acollerá o acto de presentación da Unidade Mixta USC–SunRock Biopharma para o Desenvolvemento Preclínico de Terapias Biolóxicas, unha iniciativa recentemente concedida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Esta Unidade Mixta nace co obxectivo de impulsar a investigación, o desenvolvemento preclínico e a innovación biotecnolóxica no ámbito das terapias biolóxicas, favorecendo a transferencia de coñecemento e o avance da investigación traslacional en saúde.

O proxecto reúne tres grupos de investigación do CiMUS, xunto co Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e a empresa biotecnolóxica SunRock Biopharma.

Durante o acto presentaranse os obxectivos científicos e tecnolóxicos da Unidade Mixta, a súa metodoloxía de traballo e as entidades participantes, ademais de analizar a súa potencial contribución ao ecosistema galego de I+D+i. A xornada servirá tamén como espazo de encontro entre persoal investigador, representantes institucionais e axentes do sector biotecnolóxico comprometidos co avance da innovación en saúde.