O CiMUS dá a benvida aos participantes do programa de investigación CiMUS Summer School 2026

A edición 2026 do programa CiMUS Summer School xa está en marcha, coa incorporación de dez estudantes de grao ao Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela para realizar unha estancia de investigación dun mes.
Seleccionados a través da convocatoria competitiva do programa de verán do Centro, os estudantes comezaron a integrarse en distintos grupos de investigación do CiMUS, participando en proxectos que abordan algúns dos retos máis relevantes da biomedicina actual. Ao longo do mes de xullo coñecerán de primeira man o traballo diario que se desenvolve nunha contorna científica internacional, explorando liñas de investigación situadas na fronteira do coñecemento en medicamento molecular e enfermidades crónicas.
Baixo a supervisión de investigadores principais e persoal investigador do CiMUS, os participantes adquirirán competencias prácticas de laboratorio, familiarizaranse con equipamento científico e metodoloxías de vangarda e participarán nas diferentes actividades científicas organizadas polo Centro durante a súa estancia. O programa bríndalles unha oportunidade única para descubrir desde dentro como se desenvolve a investigación biomédica, á vez que fortalecen as súas competencias técnicas e espertan ou consolidan a súa vocación investigadora.
Na súa novena edición, o programa CiMUS Summer School continúa impulsando o talento científico novo, ofrecendo a estudantes universitarios cun excelente expediente académico unha experiencia inmersiva en investigación biomédica e a posibilidade de traballar xunto a investigadores e investigadoras de referencia nunha contorna multidisciplinar.
O CiMUS forma parte da Rede CIGUS de centros de investigación da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), un recoñecemento que acredita a calidade e o impacto da súa actividade científica. O Centro está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
