Ir o contido principal
Científica

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais

  • InnovaRTBRAIN reúne centros de referencia, hospitais e empresas de varios países para investigar tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos tumores cerebrais máis agresivos e complexos.
  • O obxectivo final é contribuír ao desenvolvemento de tratamentos capaces de mellorar a supervivencia e a calidade de vida das persoas con tumores cerebrais, así como impulsar a transferencia de coñecemento cara a práctica clínica e a industria biomédica.
  • Actualmente, a rede mantén aberto o proceso de selección para varias das prazas predoutorais ofertadas en universidades, hospitais e empresas de distintos países europeos, ofrecendo oportunidades de formación e investigación en ámbitos como a radiobioloxía, a inmunoloxía, a física médica, a bioinformática ou a enxeñaría biomédica.

     

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN (Innovative Radiotherapy for Brain Tumours), unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento dos tumores cerebrais, especialmente os gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde o Centro polo equipo Novas Estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.

Financiado polo programa europeo Marie Skłodowska-Curie Doctoral Networks, este proxecto de catro anos reúne unha rede internacional líder de universidades, centros de investigación, hospitais e empresas tecnolóxicas de varios países europeos. A rede integra profesionais dos ámbitos da física médica, a bioloxía, a enxeñaría e a oncoloxía radioterápica co obxectivo de impactar no futuro da radioterapia e avanzar cara a novas opcións terapéuticas para pacientes con glioma, un dos tumores cerebrais máis agresivos e complexos. Entre as entidades participantes figuran o DKFZ German Cancer Research Center, a Universidade de Antwerp, o INEM - Institut Necker Enfants Malades, a Universidade de Oslo, a Universidade de Pavia ou empresas como VARIAN Medical Systems, Batea Oncology e Xstrahl.

 

Responder aos desafíos do glioma

Os gliomas continúan representando un dos maiores retos en oncoloxía debido a súa elevada resistencia aos tratamentos, a súa capacidade para infiltrarse no tecido cerebral san e á complexidade biolóxica do seu contorno tumoral.

Para abordar estes desafíos, InnovaRTBRAIN combinará investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e aplicación clínica co fin de comprender mellor a resposta dos tumores á radiación e trasladar rapidamente ese coñecemento a novas estratexias terapéuticas.

 

Innovación en tecnoloxía e radiobioloxía

O proxecto aposta por tecnoloxías innovadoras en radioterapia, como as estratexias de irradiación espacialmente fraccionada, a terapia FLASH, a protonterapia ou a terapia alfa dirixida, para aumentar a eficacia do tratamento mentres se reduce o dano no tecido san.

Ademais, InnovaRTBRAIN explora novas estratexias baseadas na interacción entre radiación e inmunidade, incluíndo o estudo da resposta do sistema inmunitario e o desenvolvemento de terapias combinadas innovadoras, como a integración con inmunoterapia ou terapias celulares.

 

Formar a próxima xeración de expertos europeos

Xunto cos seus obxectivos científicos, InnovaRTBRAIN ten unha importante dimensión formativa. Este proxecto permitirá capacitar unha nova xeración de científicos con competencias en investigación, innovación e emprendemento no ámbito da oncoloxía radioterápica. Este enfoque non só impulsará o avance científico, senón que tamén contribuirá a fortalecer o ecosistema europeo de investigación e innovación en saúde.

Para iso, a rede financiará 14 contratos predoutorais distribuídos entre as distintas institucións participantes. Os proxectos abranguen áreas clave como as novas modalidades de radioterapia (FLASH-RT, Minibeam Radiation Therapy ou terapias alfa dirixidas), a inmunoterapia, as terapias celulares CAR-T, a dosimetría avanzada, a imaxe médica, a análise multiómica e a bioloxía do microambiente tumoral.

Actualmente, a rede mantén aberto o proceso de selección para varias das prazas predoutorais ofertadas en universidades, hospitais e empresas de distintos países europeos, ofrecendo oportunidades de formación e investigación en ámbitos como a radiobioloxía, a inmunoloxía, a física médica, a bioinformática ou a enxeñaría biomédica.

 

Mellorar a vida dos pacientes

O obxectivo final de InnovaRTBRAIN é mellorar a calidade de vida dos pacientes con tumores cerebrais, ofrecendo tratamentos máis efectivos e con menos efectos secundarios. Ao mesmo tempo, o proxecto busca acelerar a transferencia de coñecemento cara ao ámbito clínico e industrial, favorecendo o desenvolvemento de novas tecnoloxías sanitarias.

Coa coordinación do CiMUS e o respaldo dunha sólida rede colaborativa e dunha visión multidisciplinar, InnovaRTBRAIN aspira a sentar as bases dunha nova xeración de radioterapia máis personalizada, precisa e eficaz fronte a algúns dos cancros máis difíciles de tratar.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).