Ir o contido principal
Científica Institucional

O CiMUS da USC, Premio Nacional de Medicina S.XXI en Investigación

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi distinguido co Premio Nacional de Medicina Século XXI na categoría de Investigación, outorgado por El Suplemento. O recoñecemento foi recollido onte polos codirectores do Centro, Mabel Loza e José Luis Labandeira, durante a gala celebrada no Hotel Palace de Madrid.

“Este recoñecemento supón un impulso extraordinario para todo o equipo do CiMUS e para a investigación que desenvolvemos desde Galicia con vocación global. É un premio que recoñece non só a excelencia científica, senón tamén a nosa aposta por unha investigación conectada cos pacientes, capaz de transformar o coñecemento en solucións reais para os grandes retos da saúde. Anímanos a seguir fortalecendo a colaboración entre a universidade, o sistema sanitario e a industria para acelerar a chegada de novas terapias e tecnoloxías á sociedade”, sinalaron os codirectores do CiMUS, Mabel Loza e José Luis Labandeira.

 

Un centro de biomedicina molecular orientado ao impacto clínico

O CiMUS da USC representa unha biomedicina que percorre o camiño máis curto desde a investigación ata o paciente e consolidouse como un referente en investigación biomédica que integra excelencia científica, translación clínica e innovación.

Desde os seus inicios en 2012, o CiMUS ten a misión de conectar de maneira eficiente a investigación fundamental co desenvolvemento terapéutico, favorecido pola súa estreita colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. A través do seu programa de Mecanismos Moleculares e do programa Integrativo Translacional, o centro aborda enfermidades de alta carga sanitaria —cancro, patoloxías neurodexenerativas, cardiovasculares e metabólicas— combinando o estudo das súas bases biolóxicas con capacidades en descubrimento de fármacos, nanomedicina, medicina xenómica e teranose. Este enfoque permite que o coñecemento xerado teña un percorrido real cara aos pacientes e a industria.

 

Investigación de excelencia con impacto internacional

Os resultados reflicten a solidez desta estratexia. Con máis de 2.500 publicacións científicas en revistas internacionais de referencia e máis de 114 millóns de euros captados en financiamento competitivo, o CiMUS contribuíu de maneira sostida ao avance do coñecemento biomédico. A isto súmase unha destacada capacidade de transferencia, con 14 spin-offs creadas, varias unidades mixtas e colaboracións coa industria farmacéutica. Este ecosistema permitiu que 17 moléculas desenvolvidas na súa contorna alcanzasen ensaios clínicos, evidenciando o seu impacto directo na sociedade.

Os resultados máis recentes inclúen contribucións nas enfermidades mencionadas, como novas estratexias fronte a tumores tiroideos altamente agresivos (Nature Communications), un novo mecanismo polo que fragmentos móbiles do ADN alteran a arquitectura do xenoma en tumores humanos (Science), e a identificación dun encima metabólico clave na fibrose hepática (Cell Metabolism), por citar algúns exemplos.

A acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu en 2025 pola Axencia Estatal de Investigación recoñece a calidade e o impacto deste modelo, e permite un avance cualitativo no seu papel como hub estratéxico entre a investigación, o sistema sanitario e o tecido produtivo.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Translacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara a transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Tamén foi acreditado a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).