Ir o contido principal
Científica

O CiMUS da USC recibe preto dun millón de euros da Fundación ”la Caixa” para combater a caquexia cancerosa

  • A investigación, liderada desde o grupo que dirixe Miguel López, enmárcase nun proxecto que busca novos enfoques para loitar contra este síndrome caracterizado por desnutrición, atrofia muscular, fatiga e debilidade asociadas ao cancro.

     

A edición 2025 da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación ”la Caixa” seleccionou 34 novos proxectos de investigación biomédica de vangarda, aos que dotou con ata un millón de euros cada un. Os proxectos están liderados por 25 centros de investigación, universidades e hospitais españois, e 9 portugueses.

A convocatoria, á que se presentaron nesta oitava edición 714 propostas de investigación básica, clínica e traslacional, está especialmente dirixida ao abordaxe de retos de saúde en varios ámbitos: neurociencias, enfermidades cardiovasculares e metabólicas, oncoloxía, enfermidades infecciosas e tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos.

Nesta edición, os acordos coa Fundación Breakthrough T1D e coa Fundación Luzón permitiron poñer un maior foco na financiación de iniciativas centradas na diabetes de tipo 1 —da que se financian dous proxectos— e na esclerose lateral amiotrófica (ELA) —cun proxecto seleccionado—. A convocatoria realízase, ademais, en colaboración coa Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT), organismo público vinculado ao Ministerio de Educación, Ciencia e Innovación de Portugal, que destina 1,8 millóns de euros a subvencionar 3 dos 9 proxectos portugueses premiados nesta edición.

Entre os seleccionados deste ano hai catro proxectos con participación de centros galegos.

Por unha banda, Miguel López, da Universidade de Santiago de Compostela, lidera un proxecto que busca novos enfoques para combater a caquexia cancerosa. O proxecto, realizado en consorcio con Joan Seoane, Vall d’Hebron Instituto de Oncología (VHIO), recibe unha subvención de 999.300 euros da Fundación "la Caixa".

Por outra, Maria J. Macías lidera no Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona (IRB Barcelona) un proxecto en consorcio con José Manuel Brea Floriani, da Universidade de Santiago de Compostela, e a Asociación Síndrome de Myhre España, que busca novos tratamentos para unha enfermidade rara, o síndrome de Myhre. O proxecto recibe 771.800 euros.

Desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Eduardo Domínguez colabora nun proxecto liderado por Alejandro Vaquero, do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras. O proxecto, premiado con 989.800 euros, investiga a maneira de restaurar a función protectora da proteína PAX5 e evitar ou reverter a progresión da leucemia linfoblástica aguda de células B, o cancro máis frecuente na poboación infantil.

Así mesmo, neste mesmo centro de investigación, Francisco Campos está buscando unha nova forma de combater o dano cerebral desde dentro. Faino nun proxecto que conta con 999.563,80 euros da Fundación "la Caixa" e que está liderado por Ana Paula Pêgo, do Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto (Portugal), e no que colabora tamén Ben Maoz, da Tel Aviv University.

 

Entrega das axudas da convocatoria competitiva

O Museo da Ciencia CosmoCaixa acolleu onte pola tarde o acto de entrega das axudas, ao que acudiron varios representantes da Fundación "la Caixa", como o subdirector xeral de Investigación e Bolsas, Àngel Font, e a directora xeral adxunta, Esther Planas. Así mesmo, asistiron a presidenta da Fundación Luzón, María José Arregui, e a vicepresidenta de Investigación en Breakthrough T1D, Esther Latres, ademais dos investigadores e investigadoras que están á fronte dos proxectos.

En palabras de Àngel Font, subdirector xeral de Investigación e Bolsas da Fundación "la Caixa", «a investigación biomédica é unha das vías máis poderosas para mellorar a vida das persoas. Os 34 proxectos premiados abordan retos moi diversos desde diferentes perspectivas, pero todos comparten tres eixes fundamentais para avanzar cara a un futuro máis esperanzador para os pacientes e as súas familias: colaboración, talento e innovación».

A convocatoria, que destina este ano 26 millóns de euros a investigacións biomédicas de excelencia, concede ata 500.000 euros a proxectos con unha soa institución de investigación implicada e ata un millón para consorcios de investigación formados por varias institucións. Nesta edición, os proxectos en consorcio contan coa colaboración de grupos de investigación de sete países.

Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación "la Caixa" foi de 172,3 millóns de euros para 234 proxectos, dos cales 162 están liderados por equipos españois, e 72 por grupos de investigación de Portugal. Na actualidade esta é unha das convocatorias de investigación en biomedicina e saúde de referencia na península ibérica.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara a transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Ademais, foi recentemente acreditado a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).