O CiMUS da USC, referente internacional en tecnoloxías nucleares aplicadas á medicina
- O investigador do centro singular da USC e do IDIS, Pablo Aguiar, participa nunha misión oficial da ONU en Arxentina que contribúe a consolidar o ecosistema de colaboración científica entre Galicia e Arxentina orientado ao desenvolvemento de solucións innovadoras para o diagnóstico e tratamento de enfermidades.
- A delegación galega estivo tamén representada polo coordinador do proxecto do Centro de Protonterapia de Galicia, Alfredo Iglesias, investigador do IDIS.

Investigadores do CiMUS da USC e do IDIS participaron recentemente nunha misión de expertos en Bos Aires organizada e financiada polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), dependente da ONU, para impulsar a capacitación en tecnoloxías nucleares aplicadas ao ámbito biomédico. O encontro forma parte dun proxecto de innovación tecnolóxica no campo da imaxe PET e desenvolvemento de novos radiofármacos, coordinado desde a Comisión Nacional de Enerxía Atómica (CNEA) de Arxentina.
O CiMUS e o IDIS foron seleccionados polo OIEA como centros de referencia para desenvolver actividades de formación, asesoramento e consultoría. A súa participación nesta misión reforza a posición internacional dos centros galegos en imaxe preclínica, desenvolvemento de radiofármacos, medicina nuclear, protonterapia e terapias avanzadas, consolidando un ecosistema de colaboración científica entre Galicia e Arxentina orientado ao desenvolvemento de solucións innovadoras para o diagnóstico e tratamento de enfermidades.
Galicia, á vangarda en protonterapia
A delegación galega estivo tamén representada por Alfredo Iglesias, coordinador do proxecto do Centro de Protonterapia de Galicia, promovido pola Xunta de Galicia. O centro galego, que entrará en funcionamento a finais de 2026, é un dos maiores fitos en medicina oncolóxica impulsados polo Goberno autonómico e o que se atopa nun estado máis avanzado dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde de España. Esta reunión serviu tamén para reforzar as sinerxías existentes entre Galicia e Arxentina, xa que a CNEA está a poñer en marcha un centro de protonterapia similar ao que se está a construír nas inmediacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Sinerxías entre Galicia e Arxentina
O proxecto global financiado pola ONU está liderado pola Dra. Agustina Portu, investigadora da CNEA, e busca fortalecer as capacidades da propia Comisión na área da imaxe PET e desenvolvemento de novos radiofármacos. Nunha primeira fase, nos pasados meses de setembro e outubro, o CiMUS recibiu dous investigadores da CNEA, a enxeñeira nuclear Julia Viglietti e o Dr. Martín Belzunce. Ambos os dous realizaron actividades formativas nos laboratorios do CiMUS encamiñadas a súa capacitación no campo da imaxe PET preclínica. Nunha segunda fase, desenvolvida a semana pasada, o investigador do CiMUS e do IDIS, Pablo Aguiar, foi convidado como parte da misión de expertos na CNEA de Bos Aires, co obxectivo de capacitar e asesorar os investigadores da CNEA no campo da análise de imaxe PET, realizando actividades formativas específicas no Laboratorio Nacional de Imaxinoloxía Preclínica (LANAIP) da CNEA, coordinado pola Dra. Agustina Portu. A misión deste laboratorio é prover servizos de imaxe preclínica a institucións de toda Arxentina, baixo estritos estándares de ética, seguridade radiolóxica e benestar animal.
O CiMUS e a CNEA dispoñen de sistemas de tecnoloxías de imaxe equivalentes, o que permitiu identificar múltiples oportunidades de colaboración científica e transferencia tecnolóxica entre ambos grupos. A misión incluíu tamén actividades formativas no Centro Universitario de Imaxes Médicas (CEUNIM) da Universidade Nacional de San Martín (UNSAM), centro destinado á realización de estudos de imaxe PET e RM clínica, e no que Pablo Aguiar realizou diferentes actividades formativas no campo da imaxe PET.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa traslación clínica, cunha clara orientación cara a transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
