O CiMUS da USC reforza a súa aposta polo talento novo coa incorporación de tres novos doutores a súa canteira investigadora
O CiMUS da USC incorporou esta semana tres novos doutores a súa canteira investigadora tras a defensa das súas teses doutorais. Trátase de Valentina González Álvarez, que presentou un traballo centrado na caracterización e na procura de novas dianas terapéuticas fronte á caquexia asociada ao cancro, unha síndrome metabólica frecuente en pacientes oncolóxicos; Paola Valentina Valero Ávila, cuxa investigación aborda o papel do reloxo molecular dos tanicitos na regulación circadiana e na función neuroendocrina; e Alejandro Sánchez Rueda, cuxa tese se centra no control metabólico das células de Schwann durante os procesos de mielinización e rexeneración nerviosa.
A tese de Valentina González Álvarez, dirixida pola investigadora principal do CiMUS Rosa María Señarís Rodríguez, identifica novas estratexias terapéuticas capaces de mitigar a perda de masa muscular e adiposa en modelos experimentais de caquexia asociada ao cancro.
Pola súa banda, o traballo de Paola Valentina Valero Ávila, dirixido polos investigadores principais Carlos Diéguez e Rubén Nogueiras, amplía a visión clásica da cronobioloxía ao poñer de manifesto o papel activo da glía hipotalámica na organización temporal da fisioloxía.
Finalmente, a investigación desenvolvida por Alejandro Sánchez Rueda, baixo a dirección das investigadoras principais Marta Varela Rey e Ashwin Woodhoo, achega novos coñecementos sobre os mecanismos implicados en enfermidades neuromusculares e neuropatías desmielinizantes.
Con estas defensas de teses doutorais, o CiMUS reforza o seu compromiso coa formación de persoal investigador e coa xeración de coñecemento de alto impacto no ámbito biomédico.

