O CiMUS, exemplo de traslación directa da investigación médica ás persoas doentes
- Autoridades universitarias e da Xunta de Galicia visitaron este martes a Plataforma de Farmacoxenómica e o Laboratorio de Protonterapia.

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC recibiu este martes a visita de autoridades académicas e do Goberno autonómico para coñecer de primeira man a Plataforma de Farmacoxenómica e o Laboratorio de Protonterapia.
A reitora da USC foi recibida no centro pola súa directora, Mabel Loza; o catedrático e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica Ángel Carracedo; e a investigadora en protonterapia Yolanda Prezado. Acudiron tamén os conselleiros de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Antonio Gómez Caamaño e Román Rodríguez.
Tal e como explicou a profesora Loza, as dúas plataformas visitadas hoxe son “moi representativas da traslacionalidade” da ciencia do CiMUS cara ás persoas doentes. Carracedo explicou que na de Farmacoxenómica buscan novos fármacos desde o coñecemento de novos mecanismos para enfermidades que non teñen solucións clínicas. Pola súa banda, no laboratorio que dirixe Yolanda Prezado investigan sobre como mellorar o índice terapéutico da protonterapia, é dicir, mellorar a resposta biolóxica e reducir toxicidades dos tratamentos radiolóxicos, especialmente en pacientes pediátricos.

Para Crujeiras, é importante sinalar que a investigación que se fai no CiMUS da USC “transcende os laboratorios, cun impacto real e directo na sociedade a través da mellora da nosa saúde”. No mesmo senso pronunciouse o conselleiro de Sanidade, que destacou a “impresionante” produción científica do centro, “que traballa na medicina personalizada no futuro”. Pola súa banda, Román Rodríguez salientou a capacidade do CiMUS para trasladar o coñecemento á sociedade, “neste caso mellorando algo tan importante como os tratamentos tumorais básicos”.
