Ir o contido principal
Científica

O investigador do CiMUS da USC Ismael González, recoñecido nos Premios RAGC-UIE polos seus avances nos mecanismos neuroendocrinos que regulan o metabolismo

O investigador do CiMUS da USC, Ismael González, vén de ser distinguido cun dos dous accésits na categoría de Ciencias Básicas da segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos polos seus avances nos mecanismos neuroendocrinos que regulan o metabolismo.

Convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), estes galardóns teñen como finalidade impulsar a investigación científica en Galicia mediante o recoñecemento das traxectorias emerxentes de persoal investigador que desenvolve a súa actividade en centros da comunidade. Os premios distinguen achegas destacadas en tres grandes áreas do coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. A UIE promove esta iniciativa en colaboración coa RAGC no marco do seu compromiso coa excelencia académica e investigadora, así como coa formación avanzada de persoal investigador e docente a través do seu Instituto Universitario de Investigación (IUI), con sede en Santiago de Compostela.

Ismael González centra a súa investigación nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. Nesta liña, descubriu que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade. En relación á regulación hipotalámica do peso corporal, os seus traballos supuxeron un notable avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade. Ademais, en colaboración co Hospital Clínico de Santiago, describiu por primeira vez a dinámica da activación do tecido adiposo marrón nos neonatos, fundamental para lograr a súa supervivencia nas primeiras semanas de vida.

Este recoñecemento pon en valor a excelencia da investigación desenvolvida no CiMUS e reforza o papel do centro como referente na xeración de coñecemento biomédico de impacto internacional.