As teses do CiMUS: Neila Cosme Boullosa

O CiMUS da USC sumou esta semana unha nova doutora a súa canteira de investigadores. Trátase de Neila Cosme Boullosa, quen defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada “Desenvolvemento dun modelo fenotípico in vitro para a identificación de novos fármacos que melloren os déficits cognitivos asociados á esquizofrenia”.
Este traballo presenta un claro impacto internacional, xa que, aínda que nos últimos anos se observou un aumento do número de modelos in vitro desenvolvidos para todo tipo de enfermidades, as enfermidades psiquiátricas presentan unha complexidade que fai especialmente difícil a súa modelización. O modelo fenotípico in vitro desenvolvido para os déficits cognitivos asociados á esquizofrenia é novidoso e translacional, contribuíndo a reducir a fenda existente entre a investigación básica e a clínica. Este tipo de modelos, ademais de constituír unha ferramenta útil no desenvolvemento de fármacos, tamén permiten ampliar o coñecemento das bases moleculares da enfermidade, facilitando o estudo das alteracións inducidas a nivel xenético e molecular.
Primeiro modelo in vitro para os déficits cognitivos na esquizofrenia
A tese, dirixida polos investigadores do CiMUS da USC Mabel Loza e José Manuel Brea, foi avaliada por un tribunal composto por José Luis Labandeira (CiMUS-USC), Javier González (Virginia Commonwealth University) e Eva Méndez (Universidade Carlos III de Madrid).
O traballo permitiu desenvolver un novo modelo fenotípico in vitro capaz de reproducir os déficits cognitivos asociados á esquizofrenia. Este modelo conseguiuse mediante o cultivo e a diferenciación optimizados da liña celular humana SH-SY5Y, xunto coa indución de dano cognitivo replicando a fisiopatoloxía da enfermidade in vitro.
“Este modelo proporciona unha ferramenta de grande utilidade para as campañas de cribado de fármacos nas fases temperás do desenvolvemento preclínico, reducindo considerablemente os custos asociados e o tempo necesario para levalas a cabo”, explica a nova doutora do CiMUS.
Ademais, a identificación de compostos con posible efecto terapéutico in vitro permite reducir o uso de animais de experimentación en etapas futuras, no marco das 3Rs (substitución, redución e refinamento).
“O desenvolvemento de mellores modelos in vitro e máis translacionais permite reducir a fenda entre a investigación básica e a clínica, afinando o descubrimento de fármacos cun impacto directo nos pacientes”, conclúe.
Esta investigación dá continuidade a traballos previos desenvolvidos polo grupo Biofarma do CiMUS, que xa deseñara modelos in vitro de diversas enfermidades como a dor neuropática ou o Alzheimer familiar, adaptados para campañas de cribado de fármacos. Con todo, o modelo desenvolvido constitúe o primeiro modelo in vitro que reproduce os déficits cognitivos asociados á esquizofrenia e está optimizado para o cribado de fármacos de alto rendemento.
Para a realización desta tese de doutoramento, Neila Cosme contou cun contrato de iniciación á investigación da USC, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), así como cunha axuda predoutoral da Xunta de Galicia. Durante a súa formación, tamén realizou unha estadía de investigación no grupo de Sistemas Neuromicrofisiolóxicos dirixido polo doutor Paolo Cesare no Instituto de Ciencias Naturais e Médicas da Universidade de Tübingen (Alemaña).
