As teses do CiMUS: Nuria Seoane Lloves

O CiMUS da USC incorporou hoxe unha nova doutora ao seu cadro de persoal investigador. Trátase de Nuria Seoane Lloves, quen defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada «Activación das vías de sinalización NO/GMPc e AMPc como mecanismos protectores da integridade da barreira hematoencefálica fronte aos procesos asociados á neurodexeneración».
A investigación avaliou, mediante un modelo in vitro de barreira hematoencefálica, os efectos protectores de dúas importantes vías de sinalización endotelial —NO/GMPc e AMPc— fronte a distintos tipos de dano celular, como a inflamación, a hipoxia e a hipoxia seguida de reperfusión.
Entre os principais achados, a tese identifica a Epac1, un efector da vía do AMPc, como o principal mediador da estabilización da barreira endotelial. Os resultados demostran a súa capacidade para previr a disrupción da barreira hematoencefálica tras a exposición a estímulos estresantes e apuntan á súa modulación como unha estratexia terapéutica prometedora para reverter a disfunción vascular asociada ás enfermidades neurodexenerativas.
A tese foi dirixida polos investigadores do CiMUS Manuel Campos Toimil e María Dolores Viña Castelao. O tribunal avaliador estivo integrado por Jacobo Elíes Gómez, da University of Bradford; Javier Egea, do Instituto de Investigación Sanitaria Hospital Universitario de La Princesa; e María Amparo Alfonso Rancaño, da Universidade de Santiago de Compostela.
Este traballo dá continuidade a unha liña de investigación desenvolvida polo grupo sobre os efectos do AMPc na vasculatura, ampliando agora o seu foco cara á barreira hematoencefálica e a súa implicación nas enfermidades neurodexenerativas. Ademais, os resultados obtidos constitúen a base científica dun novo proxecto financiado na convocatoria Proxectos de I+D+i – Xeración de Coñecemento 2024 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (PID2024-162740OB-I00).
Os resultados da tese deron lugar a publicacións en revistas internacionais de referencia:
- Seoane N, Picos A, Viña D, Campos-Toimil M. Targeting Epac1 to protect the blood-brain barrier from inflammation-induced dysfunction: Evidence from an in vitro model. Life Sciences. 2025; 382:124022. DOI: 10.1016/j.lfs.2025.124022.
- Seoane N, Picos A, Moraña-Fernández S, et al. Effects of Sodium Nitroprusside on Lipopolysaccharide-Induced Inflammation and Disruption of Blood-Brain Barrier. Cells. 2024; 13(10):843. DOI: 10.3390/cells13100843.
Durante a súa etapa predoutoral, Nuria Seoane Lloves contou con financiamento procedente dos Contratos de Inicio de Investigación do CiMUS, das Axudas de Apoio á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia e dunha Bolsa de Investigación en Ciencias da Saúde da Deputación da Coruña.
Así mesmo, participou no proxecto estatal PID2020-119178GB-I00 e realizou unha estadía de investigación de tres meses no Department of Molecular Pharmacology da University of Groningen (Países Baixos), baixo a supervisión das investigadoras Martina Schmidt e Amalia Dolga.
