As teses do CiMUS: Paula Ayuso García

O CiMUS da USC sumou esta semana unha nova doutora a súa canteira de investigadores. Trátase de Paula Ayuso García, quen defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada “Papel dos factores de transcrición AP-1 na resposta das células de Schwann á lesión: da desmielinización á rexeneración do nervio periférico”.
Este traballo presenta un claro impacto internacional ao achegar novos coñecementos sobre os mecanismos moleculares que regulan a rexeneración do sistema nervioso periférico, unha área de grande interese na neurociencia e na medicina rexenerativa. A identificación de funcións específicas e coordinadas da familia AP-1 nas células de Schwann amplía un campo activo a nivel global e xera resultados relevantes para a comunidade científica internacional. Ademais, o uso de modelos xenéticos e enfoques ómicos sitúa este estudo en liña coas metodoloxías de vangarda, facilitando a súa proxección e aplicabilidade noutros sistemas e contextos patolóxicos.
Un paso máis cara ás terapias rexenerativas
Este traballo, dirixido polos investigadores principais do CiMUS da USC, Ashwin Woodhoo e Marta Varela Rey, foi avaliado por un tribunal conformado por Diana Guallar Artal (USC), Mar Bosch Queralt (Universität Leipzig) e José Antonio Gómez Sánchez (ISABIAL).
A investigación amplía o coñecemento sobre a rexeneración do sistema nervioso periférico ao demostrar que a resposta das células de Schwann á lesión está controlada por unha rede coordinada de factores AP-1 con funcións específicas e organizadas temporalmente, máis alá do papel central previamente descrito para c-Jun. “Os nosos resultados identifican novos papeis para ATF3, c-Fos, FRA1 e FRA2 en procesos clave como a desdiferenciación, a eliminación da mielina, a resposta inmune e a remielinización. Estes achados achegan unha visión integrada da regulación transcricional durante a reparación nerviosa. Ademais, abren novas oportunidades para o desenvolvemento de estratexias terapéuticas orientadas a mellorar a rexeneración e a recuperación funcional tras unha lesión nerviosa”, explica a nova doutora do CiMUS.
Este traballo intégrase nas liñas de investigación deste Centro Singular centradas na rexeneración nerviosa e na bioloxía das células gliais, dando continuidade a estudos previos que identificaron c-Jun como regulador clave das células de Schwann na reparación. Ao mesmo tempo, amplía este marco mediante unha aproximación máis global á rede AP-1, xerando sinerxías con áreas de regulación transcricional, epixenética e resposta inmune. A combinación de modelos xenéticos in vivo con técnicas ómicas posiciona este estudo como unha ponte entre distintas disciplinas dentro do centro.
