As teses do CiMUS: Sheila Barrios Esteban
Nanosistemas contra o cancro, un novo enfoque en terapia xénica
- Evidencias científicas en nanomedicina para vencer o glioblastoma e a melanoma uveal da man do CiMUS
![]() |
A nova tese defendida no CiMUS da USC por Sheila Barrios Esteban afonda en novos enfoques terapéuticos en glioblastoma e melanoma uveal, dous dos cancros máis agresivos cunha expectativa de vida de entre seis e 14 meses. Dirixida por Noémi Stefánia Csaba e Marcos García, o traballo titulado "Nanosistemas baseados en polipéptidos e polifosfacenos para a terapia xénica contra o cancro", céntrase no desenvolvemento de nano estruturas poliméricas para a administración de xenes e a súa avaliación en diferentes modelos preclínicos de cancro.
Maior precisión, menos efectos secundarios
Até o momento, o tratamento estándar do glioblastoma e melanoma uveal combina a resección cirúrxica, a radioterapia e a quimioterapia, o que provoca varios efectos secundarios graves. En consecuencia, requírese a procura de novos enfoques terapéuticos, entre os que destaca a terapia xénica. Con todo, os medicamentos xenéticos requiren sistemas de administración para a protección e o transporte de acedos nucleicos ás células cancerosas diana. "No noso traballo partimos da máxima de que a nanomedicina xoga un importante papel no deseño de vectores poliméricos non virais, sendo moi prometedora na terapia xénica e o tratamento de tumores de alta agresividade como o glioblastoma e a melanoma uveal", indica a investigadora do CiMUS Sheila Barrios.
Bagaxe investigadora
O tema da tese de Sheila Barrios foi obxecto de diversos artigos científicos en revistas de alto impacto, así como eixo de contratos, bolsas de investigación, un premio a mellor presentación oral pola organización JPAG, e estancias internacionais en centros de referencia como Boots Science Building-School of Pharmacy (Polymers Therapeutics Lab) e Biodiscovery Institute (Children's Brain Tumors Research Centre) da Universidade de Nottingham.

