Ir o contido principal
Científica

Un estudo internacional coliderado polo IDIS e o CiMUS da USC subliña o valor clínico das tomografías PET de tau para o diagnóstico e prognóstico do alzhéimer

  • A investigación, publicada en JAMA e coordinada por Alexis Moscoso Rial, avaliou imaxes PET de tau de máis de 6.500 persoas de 13 países e propón un novo modelo na forma de avaliar o risco real de demencia, guiar as decisións clínicas máis acertadas e optimizar o deseño de ensaios terapéuticos.
  • Esta técnica permite non só detectar a patoloxía no cerebro, senón tamén identificar con maior precisión que persoas están realmente en risco de desenvolver demencia.
  • A raíz do estudo, levarase a cabo un novo ensaio clínico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) enfocado a estender o uso do PET de tau a outras enfermidades neurodexenerativas.
     

Os escáneres de tau PET poderían transformar o diagnóstico e o prognóstico da enfermidade de alzhéimer, segundo un novo estudo internacional cofinanciado con fondos europeos e liderado polo investigador Alexis Moscoso Rial, recentemente reincorporado ao Departamento de Medicina Nuclear e ao Grupo de Imaxe Molecular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), tras cinco anos de formación posdoutoral na Universidade de Gotemburgo. O traballo, publicado recentemente na prestixiosa revista JAMA, analizou imaxes de 6.514 participantes de 13 países e demostra que esta técnica permite non só detectar a patoloxía tau no cerebro que define a enfermidade de alzhéimer, senón tamén identificar con maior precisión que persoas están realmente en risco de desenvolver demencia.

“As ferramentas de diagnóstico previas para a enfermidade de alzhéimer, como as tomografías por emisión de positróns (PET) de amiloide, as probas de líquido cefalorraquídeo e, máis recentemente, as análises de sangue, foron moi eficaces para detectar os primeiros cambios cerebrais asociados coa enfermidade”, explica Moscoso. “O problema destas probas é que a miúdo ofrecen resultados positivos incluso en persoas que nunca chegan a desenvolver problemas de memoria. De feito, hai moitas persoas maiores sanas que mostran resultados anormais nestas probas, e a gran maioría delas nunca experimentará demencia relacionada co alzhéimer.”

 

Técnica máis precisa, máis fiable

Fronte a esas limitacións, o PET de tau representa un avance importante. A tau é unha proteína que forma parte do citoesqueleto neuronal e que, na enfermidade de alzhéimer, adopta conformacións anómalas e forma agregados patolóxicos. O PET de tau permite visualizar in vivo estes depósitos, ofrecendo unha medida directa da patoloxía tau cerebral. “Os escáneres de PET de tau son diferentes. Permítennos identificar non só quen ten signos patolóxicos de alzhéimer no cerebro, senón tamén quen está realmente en risco de desenvolver perda de memoria e demencia. Isto representa un gran logro, xa que ata agora non contabamos cunha proba que conectase claramente os cambios no cerebro con síntomas reais. O PET de tau finalmente axuda a pechar esa fenda.”

Os resultados subliñan o potencial do PET de tau como biomarcador clave para estadificar a enfermidade, guiar decisións clínicas e optimizar o deseño de ensaios terapéuticos. A capacidade de distinguir entre persoas con patoloxía cerebral pero sen risco clínico e aquelas con alta probabilidade de progresión podería evitar tratamentos innecesarios e centrar os esforzos terapéuticos onde máis se precisan.

 

Ensaio clínico liderado desde o CHUS

O valor do PET de tau noutro conxunto de enfermidades neurodexenerativas coñecidas como tauopatías poderá evidenciarse ademais nun ensaio clínico recentemente autorizado polo Comité de Ética e pola Axencia Española do Medicamento, que estará liderado pola xefa do Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Pubul, e cuxa coordinación estará a cargo do neurólogo Anxo M. Minguillón. Nel realizaranse estudos PET cun novo radiofármaco de tau nun grupo de pacientes de toda Galicia con diferentes tipos de tauopatías. Ademais do propio CHUS, entre os centros participantes atópanse o CHUAC, o Hospital Álvaro Cunqueiro, o CHU de Pontevedra, o Hospital Lucus Augusti e o CHU de Ourense.

O obxectivo principal do ensaio é avaliar se un novo radiotrazador PET de tau permite monitorizar a progresión da acumulación desta proteína nos pacientes, o que suporía un importante avance para valorar a eficacia de futuras terapias dirixidas ás tauopatías. Este proxecto representa un esforzo multidisciplinar e loxístico de gran envergadura, que inclúe a produción e transporte de radiofármacos desde Barcelona e Madrid, o recrutamento de pacientes en distintos hospitais galegos, a realización das exploracións PET avanzadas no Servizo de Medicina Nuclear do CHUS e, finalmente, a análise dos datos por parte do Grupo de Imaxe Molecular do IDIS, integrado por Alexis Moscoso Rial e Pablo Aguiar. Neste ensaio colaborarán tamén o Servizo de Neuroloxía do CHUS (liderado polo seu xefe de Servizo, o Dr. Prieto) e a sección de neurorradioloxía do Servizo de Radiodiagnóstico (co Dr. Mosqueira e o Dr. Blanco).

O estudo conta con financiamento externo completo procedente de ZRO Imaging, unha empresa implicada no desenvolvemento e avaliación de novas técnicas de imaxe para enfermidades neurodexenerativas. A obtención desta financiación internacional para un proxecto de tal magnitude reflicte unha aposta clara pola capacidade do sistema público de saúde de Galicia, o SERGAS, para executar ensaios clínicos de primeiro nivel no ámbito das enfermidades neurodexenerativas.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa traslación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está “subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional” e “cofinanciado pola Unión Europea” a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).