Ir o contido principal
Científica

A Unidade Mixta SunRock-USC, presentada hoxe no CiMUS, traballará para acelerar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e inflamación

  • A vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, o director da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación, representantes da compañía biotecnolóxica e persoal investigador participaron no acto para dar a coñecer os obxectivos e o plan de traballo.
  • A Unidade Mixta conta coa participación de tres grupos de investigación do Centro: a Plataforma Innopharma, liderada pola Dra. Mabel Loza; o grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, coordinado polo Dr. Anxo Vidal; e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, coordinado polo Dr. Pablo Aguiar; así como coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e a colaboración da Fundación Kærtor ao servizo dun plan de traballo definido xunto con SunRock para xerar evidencia preclínica robusta sobre as súas plataformas de anticorpos monoclonais e ADCs.
  • A iniciativa de colaboración empresa-universidade conta cun orzamento de 2,73 millóns de euros durante case tres anos e está cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea.
  • Une o coñecemento científico da USC e a experiencia empresarial da compañía SunRock Biopharma para o desenvolvemento preclínico de terapias biolóxicas seguindo un modelo de innovación aberta.

 

A vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Benito Fernández; Laureano Simón e Pablo Garrido da compañía biotecnolóxica SunRock; a directora científica do CiMUS, Mabel Loza; e persoal investigador da USC participaron esta mañá no acto de presentación da Unidade Mixta SunRock-USC Biopharma.

As persoas responsables desta iniciativa público-privada, centrada en acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas, deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. A Unidade Mixta sitúa a SunRock como socio empresarial tractor do proxecto e como compañía responsable de orientar a xeración de resultados cara a decisións de desenvolvemento, valorización e licenza.

A Unidade Mixta contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está cofinanciada nun 60 % con fondos estruturais da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia FEDER 2021-2027. Este financiamento permitirá despregar capacidades académicas e preclínicas da USC sobre programas biolóxicos de alto potencial promovidos por SunRock, reforzando o papel de Galicia na creación de activos terapéuticos transferibles ao mercado farmacéutico global.

A iniciativa está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Esta coordinación científica integrarase coa dirección estratéxica e de desenvolvemento de SunRock Biopharma, que achegará os seus programas, a súa experiencia en anticorpos terapéuticos e a súa orientación ao partnering internacional. A Unidade reúne tres grupos de investigación do centro:

-A Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN, liderada por Mabel Loza.

-O Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, dirixido por Anxo Vidal, dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas no cancro.

-O Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e da farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe.

Estas capacidades complétanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular. Para SunRock, esta integración é clave porque permite conectar deseño molecular, validación funcional, biodistribución, farmacocinética e modelos preclínicos nun mesmo ecosistema operativo.

Ademais, esta Unidade Mixta conta coa colaboración da Fundación Kærtor, a través do convenio entre a USC e a propia Kærtor para colaborar en investigación e transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos, entre cuxas actividades se atopa precisamente potenciar a investigación preclínica prerregulatoria en Galicia.

O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo-fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3, áreas nas que SunRock conta con programas propios en desenvolvemento. Estes programas constitúen o núcleo tecnolóxico da compañía e reflicten a súa aposta por terapias biolóxicas altamente diferenciadas, con aplicacións potenciais no cancro e en enfermidades inflamatorias inmunomediadas.

 

Da ciencia académica ao activo licenciable

O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo no que as novas opcións terapéuticas estean dispoñibles para os pacientes. En termos industriais, o obxectivo é xerar paquetes de evidencia preclínica que permitan a SunRock priorizar candidatos, reducir a incerteza técnica e abrir conversas de licenza en condicións máis sólidas.

A Unidade Mixta articúlase baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial. A colaboración permitirá xerar e validar datos preclínicos en fases temperás, optimizando a selección de candidatos e reducindo a incerteza antes da súa transferencia a grandes compañías farmacéuticas que completen o seu desenvolvemento.

Este enfoque aliñase coa estratexia de SunRock Biopharma, centrada en avanzar os seus programas ata etapas preclínicas e clínicas iniciais para maximizar o seu valor mediante acordos de licenza con compañías farmacéuticas. A Unidade Mixta reforza esta estratexia ao dotar á compañía dunha plataforma colaborativa estable para xerar datos de calidade, soster novas hipóteses terapéuticas e ampliar a opcionalidade do seu pipeline.

“Esta Unidade Mixta permítenos integrar ciencia académica de primeiro nivel no noso proceso de xeración de activos e acelerar a obtención de datos clave para tomar decisións de desenvolvemento e partnering”, sinala Juan Buela, director xeral de SunRock Biopharma. “O noso obxectivo é converter hipóteses biolóxicas sólidas en programas con potencial real de licenza no menor tempo e co menor risco posible”.

Pola súa banda, a coordinadora da iniciativa, a Dra. Loza, destaca que a creación desta Unidade Mixta responde á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre a investigación básica e a aplicación clínica. En particular, salienta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito nas fases temperás do desenvolvemento”.

A vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, destacou: «A incorporación desta Unidade Mixta ten un significado especial porque sitúa a saúde, a biomedicina e a medicina de precisión entre os grandes ámbitos de colaboración estratéxica entre universidade e empresa en Galicia. E porque reforza un ecosistema biomédico único, aquí en Compostela, que xa é unha referencia científica, pero que aspira tamén a converterse nun referente en innovación e desenvolvemento tecnolóxico».

En opinión do conselleiro, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, “é un gran paso adiante na aposta que se está a facer na Galicia Calidade pola I+G+i, é dicir, pola investigación e innovación con selo galego como sinal de identidade da nosa Comunidade". 

“Esta unidade mixta permitirá que Galicia dispoña dunha capacidade única para transformar resultados de investigación en novos medicamentos biolóxicos con potencial de chegar aos pacientes, reforzando ao mesmo tempo a competitividade científica, sanitaria e empresarial da Comunidade”, expresou o conselleiro, quen engadiu que converter o talento en valor e o coñecemento en progreso “axudará a fortalecer o ecosistema investigador e repercutirá no benestar e no desenvolvemento do país”.
 

 

Sobre SunRock Biopharma

SunRock Biopharma é unha compañía biotecnolóxica con sede en Santiago de Compostela centrada no desenvolvemento de anticorpos terapéuticos de primeira clase, incluíndo anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo-fármaco. A empresa focaliza a súa actividade na oncoloxía e nas enfermidades inflamatorias inmunomediadas, con especial interese en dianas como CCR9 e HER3.

Desde Galicia, SunRock desenvolve unha carteira de activos propios orientada a necesidades médicas non cubertas e baseada nunha estratexia de innovación aberta con centros académicos e socios tecnolóxicos especializados.

A compañía mantén unha estratexia activa de partnering internacional, orientada á xeración de valor a través de acordos de licenza con terceiros. O seu modelo procura avanzar os activos ata puntos de inflexión científica e regulatoria que permitan maximizar o seu valor mediante pagamentos iniciais (upfronts), fitos de desenvolvemento e regalías (royalties), evitando asumir internamente fases clínicas avanzadas de elevado custo e risco.

 

Sobre a Universidade de Santiago de Compostela
 

-Plataforma Innopharma

A Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do CiMUS é unha plataforma de referencia na investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos. Con máis de 25 anos de traxectoria, contribuíu ao desenvolvemento de 17 novas entidades químicas que alcanzaron ensaios clínicos en colaboracións público-privadas, xerando máis de 300 novos ensaios aplicables ao proceso de descubrimento de fármacos.

Innopharma é unha das oito plataformas europeas de alta capacidade acreditadas no consorcio europeo de infraestruturas de investigación ERIC EU-OPENSCREEN (https://www.eu-openscreen.eu/), o que implica dispoñer das tecnoloxías e capacidades de descubrimento de fármacos ao máximo nivel en Europa. A profesora Mabel Loza é tamén a representante científica de España neste ERIC.

 

-Grupo Cell Cycle and Oncology (CyClOn)

O grupo Cell Cycle and Oncology (CyClOn) do CiMUS desenvolve a súa actividade en oncoloxía experimental desde o ano 2003. As súas investigacións contribuíron a desentrañar os mecanismos moleculares da oncoxénese, en particular o papel dos reguladores do ciclo celular no desenvolvemento tumoral, con publicacións en revistas de grande impacto.

Na última década orientou a súa actividade á validación de novas estratexias terapéuticas contra o cancro, en ámbitos como a nanomedicina, os novos materiais e as terapias biolóxicas, mantendo colaboracións produtivas con SunRock Biopharma.

 

-Grupo Molecular Imaging Biomarkers and Theragnosis Lab (MIBIOLAB)

O Molecular Imaging Biomarkers and Theragnosis Lab (MIBIOLAB) é un grupo de referencia internacional no campo dos biomarcadores de imaxe PET, cuxos resultados tiveron un impacto directo na investigación clínica en neuroloxía, con publicacións en revistas de primeiro nivel.

No ámbito preclínico, centra a súa actividade no desenvolvemento de biomarcadores PET e aproximacións teragnósticas en neuroloxía, oncoloxía e inflamación, liderando proxectos estratéxicos nacionais e internacionais e mantendo colaboracións con institucións nacionais e europeas de excelencia, como a súa participación na rede CIBERNED do ISCIII.

Ademais, froito das súas liñas de investigación en biomarcadores PET, xurdiu en 2014 a empresa derivada (spin-off) Qubiotech Health Intelligence, referente no desenvolvemento de software clínico para a cuantificación de imaxes PET.