Ir o contido principal
Científica

A USC adhírese á plataforma europea de referencia en neurociencia EBRAINS

  • A través do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), supón un paso estratéxico no seu compromiso coa excelencia en investigación interdisciplinaria de carácter internacional.
  • A iniciativa pon á disposición de científicos, profesionais sanitarios e empresas datos, ferramentas dixitais e dispositivos robóticos para o estudo do cerebro e das súas enfermidades.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), acaba de adherirse como membro asociado a EBRAINS, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e da sociedade.

EBRAINS está composto por unha infraestrutura dixital posta á disposición do persoal científico, dos profesionais sanitarios e das empresas, que ofrece acceso a datos, atlas, ferramentas de modelización e simulación, así como acceso doado a recursos informáticos de alto rendemento e a plataformas robóticas e de Intelixencia Artificial.

 

Ecosistema europeo de investigación en neurociencia

“Unirnos a EBRAINS representa un paso estratéxico significativo para a USC, reforzando o noso compromiso coa excelencia en neurociencia e investigación interdisciplinaria”, sostén o profesor José Luis Labandeira, investigador principal na Área de Enfermidades Neurodexenerativas do CiMUS e representante da USC en EBRAINS. “A través de EBRAINS, os nosos investigadores acceden a infraestruturas dixitais de vangarda, incluíndo repositorios de datos, ferramentas de simulación e plataformas colaborativas que nos permiten abordar desafíos complexos relacionados co cerebro desde múltiples perspectivas”, engade.

A incorporación a esta infraestrutura europea conta coa participación doutros investigadores da Área de Enfermidades Neurodexenerativas do CiMUS, como Ana Isabel Rodríguez, Jannette Rodríguez, Daniel Torrecilla, Pablo Aguiar e Alba Vietes, entre outros, cuxas liñas de traballo en neurociencia contribuirán a fortalecer a presenza da universidade neste ecosistema colaborativo internacional.

Para a USC e o CiMUS, en particular, a pertenza a EBRAINS constitúe unha oportunidade única para conectar a medicina molecular coa neurociencia computacional a grande escala.

Para o representante da USC en EBRAINS, “esta participación fortalece o noso papel dentro do panorama europeo de investigación, fomentando sinerxías con institucións líderes e mellorando o impacto global da nosa produción científica. Ao integrar a nosa experiencia neste ecosistema compartido, a colaboración permitiranos participar noutras iniciativas europeas esenciais para o avance da medicina de precisión e o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas para enfermidades neurolóxicas e crónicas”.

 

Coñecer mellor e máis rápido o noso cerebro

Ebrains integra unha serie de servizos cuxa función principal é acelerar e afondar no coñecemento do cerebro. Esta iniciativa representa unha vantaxe estratéxica para a USC, xa que permitirá que diversos laboratorios altamente cualificados potencien a súa actividade investigadora a nivel nacional e internacional.

Todas estas ferramentas aliméntanse dos logros acadados polo Human Brain Project (HBP), a maior iniciativa europea de investigación sobre o cerebro e un dos maiores proxectos financiados pola Unión Europea (UE). Na intersección entre neurociencia e informática, o HBP investiga este órgano e as súas enfermidades coa axuda de métodos moi avanzados de computación, neuroinformática e intelixencia artificial, e impulsa a innovación en campos como a computación inspirada no cerebro e a neurorrobótica.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Translacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara a transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Tamén foi acreditado a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).