O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) foi creado por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela o 17 de febreiro de 2010, agrupando equipos de biomedicina da USC seleccionados pola súa calidade competitiva. O CiMUS experimentou un crecemento exponencial nos últimos 10 anos, cunha captación de máis de 100 millóns de euros, 2.130 publicacións en revistas como Nature, Science, Cell, etc. 31 patentes, a creación de 7 compañías a partir dos resultados do centro, e un nodo do ERIC EU-OPENSCREEN clasificado como un dos 8 de máis altas capacidades de investigación. En 2022 foi o centro de Galicia que captou máis proxectos públicos financiados pola AEI e tamén privados de institucións como a AECC, European Foundation for the Study of Diabetes, Fundación la Caixa e outros.
O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamiento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009).
Misión:
A misión do CiMUS é promover a investigación de excelencia e o avance no coñecemento nas bases moleculares e a terapia en enfermidades crónicas con relevancia socio-sanitaria, centrada no envellecemento poboacional, traballando na fronteira entre a investigación biomédica e a aplicación clínica, co obxectivo de desenvolver unha Medicina de Precisión. Con iso, o CiMUS promoverá importantes beneficios sociais en saúde pública e envellecemento saudable, prosperidade socioeconómica mediante trasferencia tecnolóxica, así como formación e captación de científicos de alto nivel para a nosa contorna.
Visión:
A visión do CiMUS é consolidarse como centro de excelencia internacional no ámbito da investigación biomédica e, particularmente, de enfermidades crónicas de alta relevancia socio-sanitaria.
Estrutura:
Para alcanzar o noso obxectivo previsto, o CiMUS estrutúrase en dous programas que interactúan entre si. Un primeiro programa que investiga os mecanismos moleculares de enfermidades crónicas (metabólicas/obesidade, cardiovasculares, neurolóxicas e cancro), o “Programa de Medicina Molecular”. E un segundo programa, “o Programa Integrativo Traslacional”, que investiga novos fármacos, novas estratexias terapéuticas e xenómica (drug screening, nanodelivery, medicina xenómica e teragnóstica), potenciando a translación do programa e do conxunto de CiMUS cara a unha Medicina de Precisión.