Xornadas divulgativas sobre enfermidades neurodexenerativas reúnen en Compostela a investigadores, médicos e pacientes
- Máis de 100 persoas asistirán a este encontro que abordará a actualidade de enfermidades como a esclerose múltiple, o párkinson ou ELA
- Experiencias persoais, avances clínicos e novas investigacións para mellorar as alternativas diagnóstico-terapéuticas centrarán o contido do foro
- A cita está organizada pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas
As enfermidades neurodexenerativas son trastornos do sistema nervioso no que as neuronas se deterioran ou morren de forma progresiva. Estas enfermidades poden afectar a diversas partes do sistema nervioso, incluíndo o cerebro, a medula espinal e os nervios periféricos. Debido en gran parte ao envellecemento poboacional, estas patoloxías alcanzarán nos próximos anos unha prevalencia de enormes dimensións, encabezada polo alzhéimer e seguida, en segundo lugar, polo párkinson.
Son enfermidades que empezan xa antes de manifestarse con síntomas claros. Comezan cun proceso celular, de perda neuronal, que nos seus inicios podería ser reversible ou polo menos freable. Pero cando é evidente, estamos xa “nun proceso avanzado”, tal e como sosteñen os expertos.
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM), en colaboración co CiMUS da USC e o IDIS, e o aval científico do CIBERNED, organiza en Santiago de Compostela o I Foro de Enfermidades Neurodexenerativas os próximos 14, 15 e 16 de novembro. O seu obxectivo, ofrecer diferentes perspectivas sobre este tipo de enfermidades, tanto desde o punto de vista das persoas afectadas, como desde a óptica clínica e a investigación. No plano científico, o grupo Cell and Molecular Neurobiology of Parkinson's Disease que dirixe desde o CiMUS José Luis Labandeira, é referente con estudos orientados a descubrir novas vías diagnósticas.
Esclerose múltiple, cando o sistema inmunitario ataca ao seu sistema nervioso central
A esclerose múltiple afecta a funcións cognitivas, emocionais, motoras, sensoriais ou visuais e prodúcese como resultado do ataque do sistema inmunitario dunha persoa contra o seu sistema nervioso central (encéfalo e medula espinal). Na actualidade, calcúlase que máis de 1,8 millóns de persoas padecen esclerose múltiple en todo o mundo. Poden verse afectadas por esta patoloxía persoas de todas as idades, aínda que é máis común que se produza en mozos adultos e en mulleres. A esclerose múltiple pode mellorar ou estabilizarse mediante tratamentos farmacolóxicos ao comezo da enfermidade, que serán diferentes para cada persoa dependendo da gravidade da enfermidade e os síntomas. Aínda que se descoñecen as causas da enfermidade, ter antecedentes familiares pode aumentar o risco.
Parkinson, moito máis que un tremor de persoas maiores
O Párkinson é unha enfermidade neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. Os problemas motores cos que cursa: aparición de tremores en repouso, lentitude de movementos, rixidez muscular e dificultade para iniciar a marcha, son os síntomas máis coñecidos pola poboación xeral. Con todo, existen outros síntomas non motores que, en moitas ocasións, poden deteriorar a calidade de vida do paciente.
Entre estes destacan problemas do soño, depresión, trastornos de control de impulsos, e/o os problemas cognitivos. Aínda que é unha enfermidade que habitualmente se diagnostica en idades avanzadas, tamén pode aparecer a idades temperás.
Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), cando o cerebro perde o control sobre os músculos
A esclerose lateral amiotrófica é unha enfermidade neurodexenerativa que fai que o cerebro perda o control muscular de forma progresiva. Prodúcese cando as células nerviosas deixan de conectar correctamente cos músculos, facendo que o cerebro perda o control dos mesmos. Isto leva a unha atrofia muscular que adoita empezar polas extremidades e esténdese a outras partes do corpo, dificultando algunhas das súas funcións esenciais.
Trátase dun trastorno grave que segundo a Organización Mundial da Saúde afecta de 2 a 5 de cada 100.000 persoas no mundo, cunha alta porcentaxe de mortalidade nos primeiros 5 anos desde o seu diagnóstico.
Investigación, diagnóstico temperán e cambio de paradigma terapéutico, as claves
Está previsto que asistan á xornada do próximo día 14 máis de 150 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a persoas afectadas que sofren estas patoloxías.
ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodegenerativas
ACEM é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta e por outras enfermidades neurodegenerativas similares. Leva a cabo toda clase de accións destinadas a mellorar a situación das persoas afectadas e das súas familias, a través da prestación de servizos sociosanitarios, da sensibilización social, da divulgación e da defensa dos seus dereitos. No 2007 foi recoñecida como entidade de Utilidade Pública.
Con este Foro, ACEM busca sacar unha instantánea da situación actual das principais patoloxías que afectan as persoas que reciben atención sociosanitaria no seu Centro de Rehabilitación Integral. Ao longo de tres días -cada un dos cales estará dedicado a unha enfermidade- as xornadas abordarán a realidade que afrontan cada día as persoas afectadas por estas enfermidades, a través dun percorrido pola súa sintomatoloxía e a súa calidade de vida, os avances médicos e a investigación.
Á hora de organizar o Foro, ACEM tivo moi en conta a colaboración doutras entidades e organismos, coa finalidade de establecer sinerxias e de visibilizar o labor que realiza cada entidade no seu ámbito.